Mocidade, rapidez e atrevemento son para Maite as grandes bazas do rival catalán, que ocupa a undécima praza (26 puntos), ao que as laranxas se impuxeron en Vista Alegre por 5-1. “Espero un partido similar ao da primeira volta. Esperarannos en media pista e subirán a liña de presión aos poucos. Ten xogadoras novas e rápidas, que en Burela xa foron atrevidas por momentos. Pódennos facer dano á contra coa súa rapidez, aínda que nós tamén temos xogadoras rápidas e non temos preguiza para o repregue” explicaba unha das referencias de solidez no equipo de Lucas en vésperas da 24ª xornada, confesando ademais a súa satisfacción co rendemento da tempada: “Estou moi ben, nun bo momento físico, con bastante forza e bastante confianza; cada vez está máis preto o gran partido con Navalcarnero e iso tamén axuda” recoñecía entre risas a 17 laranxa, que xa computa na súa cuadrícula goleadora 11 tantos.
O equipo de Lucas realizará a última sesión da semana esta tarde no seu destino, ás 17.00 horas.
No cume clasificatorio, o Atlético de Madrid Navalcarnero, que mantén a vantaxe de 2 puntos sobre as mariñás, recibe o Poio Pescamar, décimo (27 puntos).
CD Burela FS Pescados Rubén: 3. Dany, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 15. Judith, 17. Maite, 31. Eva.