Das circunstancias concretas, do asasinato, non imos engadir nada que non se coñeza: 24 anos, un “modus operandi” brutal e o antecedente de que no verán, un coñecido da rapaza, denunciou que era víctima de malos tratos, ésta negou os feitos e a investigación arquivouse.
Do concreto ao xeral; na miña traxectoria como profesional da práctica xurídica, actuando no eido de procedementos de violencia sobre a muller, puiden comprobar como é habitual que sexa a propia perxudicada a que renega dos feitos denunciados. Lembro o caso dunha rapaza de 18 anos que tiña dous fillos en común cun rapaz de 19, e que, despois do terceiro proceso por malos tratos, acordándose a prisión provisional do maltratador, chamoume para ver se podía facer algo por él; non tiña medios económicos, pero estaba disposta a buscalos para sacalo do cárcere. Ante tal situación, revestíndome de autoridade moral para xulgar, embargoume a pregunta de: “¿por qué fas todo isto?” ao que ela contestou: “porque o quero”: 1º mandamento do universidade empírica vital: nunca valores aos máis polos teus propios parámetros. Caprichosa realidade que sempre torna moito máis impredecible, dura, cruel, máxica -e podería seguir ata esgotar todos os adxectivos- que a ficción.
No noso ordenamento xurídico temos leis coma a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, temos xulgados específicos como os de Violencia sobre a Muller, temos unidades de protección policial específicas… e o problema séguenos a golpear día tras día.
Penso que nos equivocamos como sociedade cando concluímos que a solución está en lexislar en vez de educar, e patinamos, igualmente, cando lexislamos a golpe de telexornal. A violencia é a manifestación última dunha enfermidade que se chama machismo patriarcal, se nos quedamos só na superficie nunca imos atopar a raíz. Compre asumir que na concepción fisionómica do patriarcado, éste está dotado de falo, pero que ese obxecto sobresaínte non pode ser usado coma unha sorte de ariete cuio uso é penetrar, pola forza, en calquera espazo.