Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela participou na Asamblea Xeral do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

Burela, 28 de abril de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, participou na Asemblea Xeral do Consorcio Galego de Servizos Sociais de Igualdade e Benestar, que este xoves se celebrou en Santiago. Alí aproveitou para falar con Perfecto Rodríguez, o responsable do Consorcio, das obras pendentes na nova Escola Infantil. Ambas administracións agardan que abra as súas portas en setembro.

O rexedor contou que “hoxe tivemos a oportunidade de participar na Asemblea Xeral do Consorcio Galego de Servizos Sociais de Igualdade e Benestar na que se tratou o informe da presidencia e a aprobación dos orzamentos para o 2016 que ascenden a case 68 millóns de euros. E basicamente tratamos temas relacionados con escolas infantís e centros de día, entre outras cuestións”.

Alfredo Llano dixo que “con respecto a Burela miramos que temos que revisar os convenios dado que houbo unha reunión a través do Consorcio coa FEGAMP e van colocar outro tipo de cuestións que son importantes para os concellos, pero para o que é necesario facer novos convenios. Revisaremos o noso para incorporar eses novos criterios”.

O alcalde burelés salientou que “se abordou aquilo que se considera que o Concello debe aportar por alumno e ano, que ata o de agora eran 1.500 euros por alumno e agora se quere pasar a 900 euros por alumno. No mantemento hai circunstancias que hai que ver e imos velas para revisalas e estudar se é conveniente para Burela, agora que imos ter dúas escolas infantís. Pero en principio a vantaxe é clara sempre e cando o mantemento non obrigue a cousas que se salgan do orzamento do Concello de Burela”.

Llano explicou que “tamén miramos que hai unha serie de liquidacións pendentes das aportacións con respecto ao Consorcio que teñen que facer os Concellos e que por unha serie de circunstancias nunca se chegaron a pagar. Agora estase pensando en facer unha redución do 50% a través deste convenio coa FEGAMP, que a min paréceme interesante, e o que reste hai cinco anos para pagalo. E engadiu que “imos agardar por unha comisión de seguimento que vai vir por aquí para pechar determinadas cuestións como o mantemento, pero tamén fixándose a participación que imos ter como Concello na xestión das dúas Escolas Infantís que temos. Hai unha cousa que a min paréceme moi interesante que nosoutros solicitamos tamén e estamos de acordo con iso é ter participado dunha forma activa. Queremos incorporar algo máis, que se vexa que estamos máis metidos na xestión. Por tanto nosoutros queremos participar na xestión a través dos consellos escolares, dos contidos, das cuestións pedagóxicas, dos programas, das actividades extraescolares, dos comedores, etc… Queremos que exista unha participación activa porque non consideramos que a única participación dos Concellos sexa un copago. Queremos que sexa unha xestión compartida”.

O Consorcio negociou o acordo marco que a Xunta asinará coa Fegamp “para resivar todas as liquidacións que foron enviadas aos Concellos, que quedarán sen efecto, ata que se revisen de acordo cos novos criterios pactados. Tamén supón que desde 2016 entre un funcionamento un novo modelo de cofinanciamento claro e equitativo que garanta a viabilidade económica destes servizos que se prestan no ámbito local. A Xunta pretende abrir unha nova etapa do Consorcio como instrumento de colaboración entre a administración autonómica e as municipais para a prestación de servizos no ámbito local”, explican desde o propio Consorcio.

O alcalde de Burela relatou que “ao final falei con Perfecto Rodríguez que é o xerente do Consorcio para ver cómo está o tema da nova escola infantil de Burela. De momento xa sabemos todos que estamos a facer o proxecto das obras, xa están máis o menos cuantificadas. En canto iso estea listo van acercarse por Burela os responsables do Consorcio para mirar cómo van as obras. A intención do Concello e do Consorcio é comezar o curso en setembro, a ver se nos dera tempo para preparar todo, rematar as obras como se deben facer e liquidar o tema da construción da Escola Infantil. Como aínda hai tempo para facer as obras, xa que poden durar un mes ou mes e medio, e en setembro poden estar perfectamente listas, hai que dotar tamén á instalación de mobiliario. Agardamos a visita de Perfecto Rodríguez, unha vez que estean en marcha as estas obras que faltan”.

Exit mobile version