Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela aprobou en pleno a incoación dun preceptivo expediente de resolución do contrato de xestión do servizo de recollida do lixo

Burela, 29 de abril de 2016.- O Concello aprobaba na mañá deste venres no pleno a incoación dun preceptivo expediente de resolución do contrato de xestión do servizo de recollida do lixo, que está a prestar a empresa Celta Prix. O alcalde, Alfredo Llano, amósase sorprendido pola abstención do PP neste punto.

O rexedor manifestou que “non tivemos máis remedio que aprobar esta incoación dado que é unha cuestión como xa o di o propio punto, preceptiva, é obrigatorio unha vez que unha empresa entra en disolución. Nese momento hai que prescindir do seu contrato dado que xa non existe unha relación directa con esa firma, senón que se fai a través dun axente concursal”.

Llano dixo que “nosoutros a partir de agora mesmo, paralelamente a esta apertura deste expediente de incoación, xa estamos facendo unha petición de estudo a través da Deputación de Lugo, a través de empresas específicas e concretas que nos poidan axudar neste senso. Para facer un estudo de elaboración para ver cómo é mellor a prestación do servizo no futuro”.

O alcalde asegurou que “imos facelo ben, tranquilos e con seriedade porque se podemos facer unha absorción deste servizo para o Concello sería una satisfacción grande. Queremos argumentalo ben, telos datos completos e concretos de aquilo que nos faga decidir polo mellor para os nosos veciños. Por tanto xa comezamos e esperamos resolvelo o antes posible”.

O alcalde de Burela subliña que “o servizo vai estar garantido e nosoutros o único que imos facer é procurar unha vez que comece outro novo servizo de limpeza no noso concello, que sexa nas mellores condicións para prestalo e nas mellores condicións para os nosos veciños e veciñas”.

Alfredo Llano salientou que “este é un punto que realmente tiña que ser aprobado por unanimidade dado que é preceptivo, é unha cuestión obrigada, non tería case discusión, pero o PP abstívose, cousa que realmente sorprende. Incluso fixeron unha defensa máis que dos veciños da empresa, por tanto é unha sorpresa grande que se teña que abster. Iso ven indicar que non sei ata que punto esta xente representa aos veciños porque amosaba máis interese pola empresa que pola veciñanza”.

No pleno extraordinario celebrado na mañá deste venres no Concello burelés aprobouse por unanimidade a adhesión a un convenio marco para o tratamento dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, que o alcalde agarda que “se poida aplicar en breve”.

Exit mobile version