Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela solicitará subvencións á Xunta para contratar a un arquiveiro e a seis brigadistas

Burela, 13 de abril de 2016.- O Concello solicitará sendas subvencións á Xunta de Galicia para contratar a un arquiveiro e a seis brigadistas, segundo anunciou na tarde deste mércores o alcalde, Alfredo Llano. O primeiro encargaríase da organización dos fondos documentais do Concello e os segundos de loitar contra os incendios forestais.

O rexedor contou que “este ano tamén nos decidimos a solicitar unha axuda, unha subvención a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ter unha persoa traballando no noso arquivo, que organice e mellore moitísimo as condicións do arquivo do Concello de Burela”.

Llano lembrou que “xa fixeramos algo parecido na nosa anterior etapa á fronte do Concello, pero agora aínda se fai máis necesario porque se foi acumulando moito traballo. Aquí no Concello de Burela non hai unha persoa dedicada exclusivamente á organización do arquivo nin para ter todo controlado e por atopalo por temáticas. Imos pedir esta subvención que abarca ata o 80% do que pode ser a contratación dunha persoa e imos tela o tempo que sexa necesario. Haberá que facer unha especie de estudio, de petición valorada, onde se establece por qué razóns se pide un arquiveiro. Hai dúas fórmulas, unha delas é para facer a dixitalización do patrimonio documental e outra, que é a que vamos nós solicitar, que é a organización dos fondos documentais dos arquivos do noso Concello”.

O alcalde burelés considera que “sería moi boa a dixitalización, á larga haberá que facelo, porque case é unha obriga, pero a urxencia máis grande é organizar o arquivo, preparalo e telo ben asentado, de forma que cando se queira algo se poida atopar rapidamente e cando se queira gardar algo pois o mesmo. É unha cuestión que consideramos importante e imos ver si nos conceden esta subvención”.

Alfredo Llano explicou na tarde deste mércores que “tamén solicitaremos unha subvención para a contratación de brigadistas, que son un grupo de persoas que traballarán en cuestións como evitar incendios no noso concello. Pensamos que é unha labor importante, o ano pasado xa tivemos esta experiencia, foi moi boa e polo tanto imos solicitalo coa novidade de que este ano hai que asinar un convenio ou unha petición para tres anos, sería para 2016, 2017 e 2018. Serían 6 os brigadistas que se farían cargo desas labores, que serían fundamentais para evitar incendios e para ter preparados camiños e terreos nos que houbese certo risco. Imos contratalos durante tres meses. Traballarán en setembro e outubro e despois en agosto ou novembro, depende de cómo o perfilemos ou de cómo veña o verán”.

O alcalde subliñou que “son dúas cuestións que son boas para o noso concello, así o vemos desde o equipo de goberno e por iso solicitaremos esas dúas subvencións”.

Exit mobile version