Cervo, 1 de abril de 2016.- A corporación municipal de Cervo aprobou no pleno celebrado este xoves, cos votos favorables dos concelleiros do goberno local, determinar os servizos prioritarios esenciais para contratar persoal temporal, o que se fai coa intención de poder seguir prestando aos veciños eses servizos públicos.
O goberno municipal explica que “dentro dos puntos incluídos na orde do día do pleno de onte figuraba un para determinar os servizos prioritarios para levar a cabo a contratación de persoal temporal, co que se trata de poder seguir prestando desde o Concello unha serie de servizos que son esenciais, tales como o saneamento, o abastecemento de auga, a limpeza viaria, os servizos sociais, a escola infantil e a piscina municipal. Todos estes servizos determináronse como prioritarios. É un asunto que ter que ir a pleno pola normativa estatal que hai agora mesmo, pero en todo caso isto faise para poder seguir prestando estes servizos aos veciños”.
Dende o equipo de goberno cervense consideran que “ao non votar a favor deste asunto o que pretenden tanto PSOE como BNG é que estes servizos non se presten; e iso é o que eles teñen que explicarlles aos veciños. Porque confundir, como fai o BNG, falando de contratacións electoralistas, o que nos indica ao grupo de goberno é que pensa o ladrón que todos son da súa condición, porque é para prestar aos veciños servizos que todos eles son públicos. Igual algúns o que pretenden é privatizar, como xa fixo o Partido Socialista no seu momento, cando privatizou a auga, o saneamento, o lixo e o gas. Con nós eses servizos volveron ser públicos e seguirán séndoo. Para iso aprobamos este asunto no pleno de onte”.
Promoción do leite galego
Por outra parte, o goberno municipal explica que “no pleno celebrado onte tamén aprobamos unha iniciativa para a promoción do leite galego e igual o que lle doe ao BNG é que esta proposta sexa do grupo de goberno. Consiste en sumarnos á campaña da Xunta de Galicia e entre todos defender e apoiar o consumo de leite galego, para o cal levaremos a cabo unha serie de actividades”.