Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP convida ao presidente da Deputación a poñerse a traballar e pagar os convenios pendentes aos concellos

Lugo, 15 de abril de 2016.- O vicevoceiro do Grupo Provincial do PP, Juan Carlos Armesto, convida ao presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, a poñerse a traballar pola institución e pagar os convenios pendentes de aboar aos concellos da provincia, tal e como xa se pediu no Pleno ata en dúas ocasións.

O deputado sae ao paso dunhas declaracións deste venres do voceiro provincial socialista nas que di que o presidente é o responsable de salvar a construción dun centro de día en O Vicedo. “Estamos cansos de oír falar de salvadores cando mantiveron aos concellos nos que goberna o PP discriminados durante oito anos e tivo que ser o goberno presidido por Elena Candia o que puxera fin a esa situación”, explica Armesto.

O vicevoceiro do Grupo Provincial do PP anima ao Señor Campos a asumir o papel que lle corresponde na institución, abandonar a situación de parálise na que están instalados e pagar “cantos antes” as contías que os concellos agardan para levar a cabo obras e servizos básicos para os seus veciños e veciñas.

Carlos Armesto lamenta que o socialista que preside a Deputación pasara de ter a cabeza como un bombo a facer autobombo dunha xestión “que brilla pola súa ausencia”. “Leva presumindo dos convenios que formalizou o PP dúas semanas, pero non se puxo a traballar para que os concellos cobren” engade o vicevoceiro dos populares.

Os populares lembran que a Deputación debe unha contía importante derivada deses convenios asinados con numerosos concellos da provincia, polo que urxen ao bipartito a darlle resposta aos miles de veciños e veciñas que esperan por esas achegas.

“O máis triste e patético que pode haber é un presidente que presuma de salvar a ninguén cando a súa encomenda básica, que é o reparto equilibrado dos fondos públicos, a exerce de forma tan deficiente”, conclúe.

Novo lamenta que non leran o convenio
Pola súa banda, o alcalde de O Vicedo, Jesús Novo, pídelle ao voceiro do PSOE “que se moleste en ler o convenio e o acordo que hoxe foi a xunta de goberno”. Novo asegura que o que se pediu foi unha prórroga para a xustificación da anualidade de 2015, por importe de 18.000 euros e non para a de 2016, posto que aínda resta ano e medio para poder xustificala.

O alcalde aclara que os 149.000 euros concedidos baixo a presidencia de Elena Candia se poden xustificar en 2017, polo que non entende as declaracións de Álvaro Santos dicindo que salvaron nada. Novo precisa ademais que o Concello está a tempo para xustificar tamén a anualidade de 2015, pero que decidiron pedir a prórroga por estar á espera dun informe sectorial e garantir así o cumprimento dos prazos.

Novo dille ao socialista que lea o convenio “porque non se entera de nada” e pregúntalles aos membros do bipartito se O Vicedo tería convenio se non tivera gobernado o PP.

Exit mobile version