Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP pide que a Deputación acometa os traballos de desbroce das súas estradas antes dos meses de verán

Lugo, 24 de abril de 2016.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, considera “moi necesario” que a Deputación de Lugo acometa os labores de desbroce nas estradas da súa titularidade antes dos meses de verán. Así, os populares remitiron un rogo ao presidente da institución, o socialista Darío Campos, para que axilice os trámites e estes acometidos se realicen antes da época estival.

Candia explica que dende o Grupo do PP se procedeu ao rexistro deste escrito dado os antecedentes que imperan na administración provincial cos gobernos socialistas e nacionalistas. En pasadas anualidades, segundo lembra a popular, “comprobamos que se procedía á realización destes labores de xeito moi tardío, mesmo nalgúns concellos se acometeron estas actuacións no outono”.

A popular asegura que esta circunstancia pode chegar a derivar en consecuencias “moi negativas” dado a maior facilidade que ofrece a maleza á hora da propagación dos incendios forestais, ademais de que a falta de limpeza dos bordes das estradas tamén entrañan un considerable perigo para a circulación.

Dende o punto de vista turístico, Candia lamenta “a mala imaxe que proxectamos ante os visitantes” que observan o estado de abandono das estradas. Neste senso, ademais de demandar que os desbroces se leven a cabo antes do verán, os populares tamén lle piden ao presidente da institución que naquelas estradas localizadas en zonas de alto interese turístico, a Deputación de Lugo realice dúas quendas destes traballos.

Por último, a popular lembra que a través deste rogo se lle dá traslado á institución dunha demanda tanto dos veciños, como dos alcaldes e dos portavoces que “ano tras ano solicitan melloras nestas actuacións, ás que os gobernos bipartitos do PSOE e do BNG fan oídos xordos”.

Exit mobile version