Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP urxe celebrar unha xunta de portavoces para tratar a posible compra do edificio da Cámara de Comercio por parte da Deputación

Lugo, 23 de abril de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular urxe á Deputación que convoque unha xunta de portavoces para tratar a posible compra do edificio que a Cámara de Comercio ten na Rúa Ramón Ferreiro e que prevén, tal e como ten proposto o PP, destinar ao servizo de recadación da institución.

A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, rexistrará un escrito pedindo a celebración dunha xunta de portavoces, na que participen todos os grupos que conforman a Corporación provincial, co fin de coñecer os plans que o Goberno bipartito ten en relación coa posible adquisición do edificio.

A popular lembra que foi o seu goberno o primeiro que fixo esta proposta co obxectivo de axudar ás familias afectadas pola situación que vive a entidade cameral e optimizar custos ao deixar de pagar o aluguer do actual servizo de recadación, que sería trasladado ao inmoble da Rúa Ramón Ferreiro.

Elena Candia explica que “sería bo unificar posturas entre os grupos e coñecer a proposta do bipartito para poder darlle solución o antes posible”. Asegura que o presidente non está a ser dilixente na resolución destas negociacións e que “nada resolve”. “Tivemos unha reunión e fai unha proposta e ao día seguinte desdise”, engade a voceira, quen pide coñecer de xeito pormenorizado os plans do bipartito con respecto a esta xestión que se verá reflectida no Orzamento provincial posto que “xa pasou demasiado tempo desde aquel encontro”.

Os populares reclaman que, posto que foron eles os que iniciaron os contactos e as vías para darlle solución a esta problemática non cesen os traballos e podan coñecer “de xeito oficial” as cifras da compra que se manexan, os prazos e os plans para ese edificio”, conclúe.

Exit mobile version