No primeiro caso, desde a Dirección do IES explican que, “dada a dispoñibilidade de aulas de informática no centro, pensamos na posibilidade de solicitar un ciclo superior de Informática en réxime modular, dirixido a persoas que pretenden mellorar a súa formación para acceder ao mundo laboral. A formación en informática e novas tecnoloxías está sendo moi demandada a nivel persoal e profesional e pensamos que unha formación de grao superior é o máis axeitado, xa que as empresas da zona, incluída a factoría Alcoa, buscan traballadores dese perfil profesional. Propoñemos este ciclo por ser un ciclo novidoso e dos que teñen maior demanda”.
Por outra banda, este ciclo superior só existe en Lugo, no IES Muralla Romana e na provincia da Coruña, ambos en réxime ordinario e todos eles bastante distantes desta zona. Ademais non debemos esquecer que unha das vantaxes da formación para adultos é a súa flexibilidade, adaptándose a diversas situación persoais, tanto en canto a horarios como ao tempo de dedicación ao estudio, posto que permite asistir a clase fóra do horario laboral e cursar módulos independentes.
No segundo caso, o profesorado do Departamento de Fabricación mecánica detectou nestes últimos anos a necesidade de incluír un ciclo de Formación profesional relacionado directamente co mantemento industrial ou electromecánico. Tendo en conta que o taller de fabricación mecánica está libre en horario de mañá, pretendemos aproveitar estas instalacións para impartir módulos prácticos dun ciclo de formación profesional en réxime ordinario.
O ciclo medio de Mantemento electromecánico pode ser o mais axeitado dado que as industrias da zona buscan traballadores con esa formación e os ciclos de mantemento industrial implantados actualmente están ubicados lonxe da contorna da Mariña Lucense, xa que os mais próximos serían os de Sarria, Fene ou Cedeira.
Así mesmo, as instalacións do centro están perfectamente axeitadas para impartir o ciclo ao dispoñer de aulas dotadas de equipos informáticos, aula de automatismos e taller de traballo, polo que só sería preciso adquirir un mínimo equipamento adicional.