Site icon Crónica3.com A Mariña

O mariñao Miguel Anxo Rodríguez propón unha relectura da arte contemporánea

O mércores 20 de Abril ás 20.30 o salón de actos CENIMA de Foz, acolle a terceira das conferencias das Xornadas “Sentirmos a Arte”, organizadas a asociación cultural “A Pomba do Arco” no marco do Mes das Artes Plásticas da Mariña, e na que intervirá o mariñao Miguel Anxo Rodríguez.

Miguel Anxo Rodríguez é Profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, está especializado en Teoría da Arte e Arte Contemporánea. As súas investigacións céntranse na arte actual, desde mediados do século XX, analizando aspectos relativos á escultura, fotografía, contextos de produción artística, e políticas culturais. A súa tese de doutoramento tratou sobre procesos de traballo en escultura: Os materiais: procesos e formas na escultura galega contemporánea (1940-1994), e foi defendida en 2004. Tamén sobre escultura contemporánea realizou estudos sobre os contextos galego e vasco (Matèria, nº 3, Universitat de Barcelona, 2003; Cuadernos del Arte, nº 43, Universidad de Granada, 2012).

Miguel Anxo Rodríguez reputado crítico falaranos das novas tendencias artísticas, das mudanzas no proceso de creación, na percepción da obra polo público na historia así como dos movementos de renovación artística que se están a vivir a día de hoxe. As súas primeiras investigacións trataron sobre procesos de traballo, formación artística e espazos de creación, posteriormente realizou aproximacións á fotografía como dispositivo artístico ao servizo da construción da identidade centrando os seus traballos nos últimos anos na polarización no sistema da arte entre as políticas culturais promovidas pola administración, e a urxencia de colectivos independentes, precarios e autoxestionados.

Exit mobile version