Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan á Xunta de buscar “beneficiar ás grandes conserveiras en contra da DOP Mexillón de Galicia”

Santiago de Compostela, 10 de abril de 16. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, levará ao Pleno desta semana unha interpelación na que acusa ao goberno galego de “beneficiar ás grandes conserveiras en contra da Denominación de Orixe Protexida do Mexillón de Galicia”.

Val Alonso sinala que o goberno galego “prefire ficar de costas diante do problema” co único obxectivo de “poñerse de parte da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas en detrimento dos produtores galegos”.

O deputado socialista lembra a recente sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, na que declara que incluír alusións á orixe galega da etiquetaxe das conservas de mexillón con produto foráneo é competencia desleal. Sorprende, sinala, que o goberno galego ampare ás grandes empresas en lugar de ao produto galego e ao consumidor para forzar unha caída de prezos.

Sinala que a estratexia das grandes conserveiras pasa por “meter nas latas produto foráneo con definicións vagas e imprecisas aludindo a un produto elaborado nas rías galegas, cando isto non é certo e supón un claro fraude ao consumidor”. Sinala que “aos conserveiros sáelles moito máis económico traer produto de fóra, e o Goberno Galego está consentindo a fraude ”.

Val esíxelle ao goberno galego que ampare aos produtores galegos para darlle valor á primeira DOP do mar de toda Europa para que os consumidores teñan toda a información e poidan escoller un produto galego máis caro e de maior calidade nos estantes dos supermercados”.

Exit mobile version