Site icon Crónica3.com A Mariña

Persoas expertas no ámbito enerxético sinalan a necesidade urxente de mudar o actual modelo

A Estrada, 23 abril 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), foi este sábado a encargada de abrir na Estrada a xornada Presente e futuro enerxético da Galiza no Contexto Europeo, un evento organizado polo propio GUE/NGL e AGEe e que durante toda a xornada reúne no Teatro Principal da Estrada a diferentes persoas técnicas expertas en enerxía, así como a representantes das diferentes cooperativas alternativas enerxéticas que hai a día de hoxe no Estado español.

Durante a presentación, Lídia Senra alertou de que un dos obxectivos do actual mandato do Parlamento Europeo é o Mercado Único da Enerxía, o que pon de manifesto “o interese do neoliberalismo en seguir avanzando cara a políticas que permitan beneficiar ás grandes empresas do sector enerxético, sen preocuparse nin do despilfarro nin do impacto negativo que o actual modelo enerxético ten no conxunto da cidadanía e no medio ambiente”.

A eurodeputada explicou que o obxectivo desta xornada é “abrir un debate que nos permita elaborar propostas e seguir avanzando en presentar iniciativas nos Parlamentos europeo, estatal e galego para continuar a loita social cara á transición enerxética e un novo modelo máis sostible”. En efecto, nas xornadas estiveron presentes tamén a deputada de En Marea no Parlamento do Estado español, Alexandra Fernández, e os deputados de AGE no Parlamento galego, Antón Sánchez e Juan Manuel Fajardo, ademais da voceira do Movemento Veciñal Estradense, Mar Blanco.

A deputada estatal Alexandra Fernández, que foi a encargada de presentar a primeira mesa da xornada, fixo fincapé na cada vez maior brecha entre os continuamente en aumento índices de consumo enerxéticos e a capacidade limitada dos recursos do planeta. Fronte a isto, “hai alternativas viables ou imos seguir como meros espectadores? Que medidas e alternativas reais se poden tomar para acabar coa pobreza enerxética en moitos fogares nun marco global e para facerlle fronte á cultura do petróleo?”, preguntouse. Para respostar a algunha destas preguntas estivo na mesa Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidente de Véspera de Nada, e Miguel Pardellas, investigador da USC e membro de Verdegaia.

Doldán fixo unha intervención centrada en tombar certos mitos actuais, no sentido de que, asegurou, “Galiza non é unha potencia enerxética”, fronte ao que se fai crer desde certos ámbitos. “Non nos sobra enerxía, de feito, somos un país dependente enerxeticamente, pero iso á vez non nos impide que exportemos enerxía, parece un paradoxo, pero non o é, e ten que ver co actual sistema”, defendeu. Xoán Doldán explicou que os recursos enerxéticos de Galiza só cubren un terzo do consumo interno. Os dous terzos restantes cóbrense a base de importacións, non con recursos propios, para aquí facer o proceso de transformación. “Galiza exporta enerxía grazas ás importacións previas de recursos, da materia prima, de carbón, de gas, etc”. E nese círculo, un 31% de toda a enerxía que transformamos con recursos propios e importados vai destinada á exportación posterior.

Neste contexto, Doldán alertou de que é “urxente” cambiar o modelo enerxético e iso debe vir impulsado por unha transformación profunda das relacións sociais e económicas. “Reducir a dependencia enerxética galega é incompatible con manter a capacidade exportadora de enerxía”, dixo, e avogou por unha necesaria democratización no acceso á enerxía e por avanzar no autoabastecemento de familias, aldeas, comunidades de veciños/as e explotacións agrarias. “Deberiamos usar os nosos recursos enerxéticos para solucionar os problemas da xente, non para obter beneficios. Necesitamos políticas ambiciosas e contundentes para conseguir reducir de forma drásticas as formas estragadoras actuais”, concluíu.

Pola súa banda, Miguel Pardellas definiu como “esgotado e depredador” o actual modelo enerxético. “Temos impactos ambientais e sociais brutais. A pobreza enerxética converteuse en algo que é unha emerxencia social. O modelo de consumo exponencial que temos sigue ano tras ano a pesar da crise económica, estamos nunha carreira cara a non se sabe onde”, alertou. Pardellas propuxo un novo modelo que reduza o seu impacto ambiental e social, que sexa de consumo decrecente e que aposte por unha resilencia crecente das comunidades para que poidan recuperarse das agresións continuas.

Así, o ecoloxista considerou que a transición enerxética debe artellarse ao redor de varias claves centradas en que “o pequeno é fermoso, a comunidade debe ser a base, a participación como medio e como fin, a educación na resiliencia participada, a necesidade de relocalizar o cotiá, reinventando a eficiencia tecnolóxica e contemplando as emocións”.

A esta primeira mesa seguen outras posteriores, que se prolongarán durante todo o día, nas que intervirán o encargado de monitorización das políticas de seguridade enerxética da UE no Observatori del Deute en la Globalització, Alfons Pérez; as doutoras en Economía Rosa Regueiro e Natalia Fabra; e membros de Goiener, Som Energía e Nosa Enerxía, as tres cooperativas enerxéticas alternativas que hai a día de hoxe no Estado español.

Exit mobile version