Lugo, 2 de abril de 2016.- O PSdeG-PSOE na Provincia de Lugo valorou este sábado as “reiteradas mentiras” de Barreiro sobre a colaboración da Deputación coa xustiza, remarcando as seguintes preguntas: “Que credibilidade pode ter o señor Barreiro, cando escapou da xustiza de aforado ao Senado, é voceiro de Rita Barberá e nos pasados días, xunto con todos os seus compañeiros do Partido Popular, foi capaz de votar en contra da proposta do PSOE para, precisamente, poñer fin ao aforamento. A que ten medo o señor Barreiro?”.
“Para que Barreiro sexa crible ten que seguir o exemplo doutras persoas e facer un desnudo integral de todo o seu patrimonio e riqueza ante a opinión pública”, remarcaron os socialistas.
O PSOE destacou que, como non podía ser doutro xeito, a Deputación de Lugo sempre facilitou á xustiza toda a documentación que lle foi requirida en tempo e forma, e ofreceu toda a información da que dispón ao respecto desta investigación.
“Pola contra, non o fai así o PP, que por riba bota balóns fóra, non tendo vergonza algunha”, contrapuxeron os socialistas, tendo en conta a información que transcendeu publicamente sobre o sumario da Pulpo, pois, ao parecer, a xustiza cuestiona documentación relativa ao Goberno Provincial do PP na Deputación de Lugo.
“Barreiro, que durante moito tempo foi Deputado Provincial e Presidente do PP de Lugo, debería dar explicacións sobre a presunta contabilidade irregular dos anos 2003, 2004, 2005 e 2006, é dicir, durante o Goberno do PP na Deputación, que, ao parecer, apunta, textualmente, o sumario”.
“Algo terá que dicir tamén sobre as viaxes que o Goberno do PP na Deputación subvencionada a Arxentina, India ou Euro-Disney, ás que ata ían membros do Partido Popular. Pois foron os socialistas os que, precisamente, as suprimiron nada máis chegar á presidencia do organismo provincial no 2007”.