Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias gaba o esforzo de Riotorto por preservar o ancestral oficio de ferreiro

ferreirosA delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou este venres na presentación da X Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, onde destacou a importancia desta celebración para manter vivo un oficio ancestral que foi vital para a Galicia Rural ata hai só unhas poucas décadas.

“A feira do ferro é xa un evento consolidado que contribúe a que non se esqueza unha profesión que supuxo, directa ou indirectamente, un medio de vida para moitas familias galegas”, dixo Arias, quen tamén subliñou que “esta celebración representa un recurso turístico único para Riotorto, onde se concentraron e manteñen algunhas das forxas de maior valor etnográfico da nosa provincia”.

A delegada tamén salientou a función didáctica que cumpre este evento “posto que o traballo dos ferreiros é pouco coñecido polas nova xeracións e as demostracións en vivo que se realizan na feira contribúen a preservar un dos oficios máis representativos da nosa cultura e do que dependeron milleiros de traballadores do campo durante séculos”.

E, precisamente, o Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016, posto en marcha pola goberno galego, ten entre as súas liñas estratéxicas de acción o apoio a este tipo de actividades de demostración artesanal para a súa promoción.

Así, a Xunta, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, contribuirá á transmisión e posta en valor do oficio de ferreiro “cunha subvención de 9.680 euros que axudará a que os artesáns da Feira do Ferro financien as demostracións públicas que desenvolverán durante a cita deste ano”, segundo informou a delegada territorial. Unha axuda que se suma aos 1.500 euros aportados para este tipo de eventos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Arias tamén destacou a colaboración entre administracións para facer posible a organización deste evento, pero salientou, como punto de partida, “o empeño amosado pola Asociación de Ferreiros de Riotorto por preservar, coidar e divulgar o traballo do ferro”.

Exit mobile version