Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo súmase ao proxecto Apego para a socialización da infancia en galego

Ribadeo, 7 de abril de 2016. O vindeiro sábado, 9 de abril, ás 12.00 horas no Centro Ágora da Coruña terá lugar o acto de adhesión de novos Concellos ao programa Apego para a socialización da infancia en galego. Por Ribadeo acudirán o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e o técnico municipal deste departamento, David Díaz.

O Concello da Coruña, como anfitrión da sinatura do proxecto, agasallará as persoas asistentes cun concerto de Arrolos de salitre, con Xabier Díaz e Guillerme Fernández.

O programa Apego ten xa un ano de andaina
En marzo de 2015, asinaban un protocolo de colaboración os Concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo. Naquel momento nacía o programa Apego para promover e arroupar a transmisión da lingua ás nenas e nenos.

Os Concellos participantes puxeron en marcha diversas accións, centradas nas crianzas entre 0 e 6 anos, que abranguen os diferentes contextos da vida dos nenos e nenas. Deseñáronse e distribuíronse materiais específicos, organizáronse actividades, achegáronse argumentos, información e recursos…, para as familias e para os profesionais. En todas as accións do proxecto resalta a valoración positiva da lingua e a necesidade de que colectiva e individualmente nos comprometamos con este herdo para que no futuro as nosas cativas e cativos poidan seguir gozando del.

O Apego mantense desde os servizos de normalización dos concellos participantes, impulsados inicialmente pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e para a súa difusión recórrese tamén á rede: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal.

23 Concellos máis
A comunidade creada en torno ao Apego foi medrando con miles de nais e pais que se foron sumando, cun amplo seguimento nas redes sociais e tamén coa cooperación entre entidades diversas.

Chegou o momento de incorporar outros concellos que manifestaron o seu interese por implementar este programa desde os respectivos servizos de normalización. Coa colaboración destes 23 concellos, o proxecto Apego chega a unha poboación que supera o 1.100.000 habitantes, entre a que está a das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

O próximo sábado, 9 de abril, asinarán a adhesión 11 novos Concellos promotores de Apego pola lingua: A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo. Deste xeito, poderase chegar a máis familias para cumprir cos obxectivos sinalados e estenderase o programa a municipios de variado tamaño, situación sociolingüística ou posición xeográfica.

Exit mobile version