Site icon Crónica3.com A Mariña

Rosa Arza entrega máis dun cento de sinaturas que avalan a súa candidatura á presidencia de NNXX

IMG-20160427-WA0045Lugo, 27 de abril de 2016.- A concelleira da Corporación de Quiroga, Rosa Arza, fixo entrega na tarde deste mércores aos membros do Comité Organizador do Congreso Extraordinario de Novas Xeracións Provincial das máis dun cento de sinaturas que avalan a súa candidatura.

Arza, que se presenta acompañada dos mozos Pablo Flórez e Roberto Fernández, conseguiu, polo tanto, máis do dobre de avais do mínimo que se esixía (50 apoios) a todos os que decidisen aspirar á presidencia de Novas Xeracións do partido en Lugo.

A quiroguesa agradece os apoios recibidos “de toda a provincia” e adianta que, de ser elixida presidenta provincial, no Comité de Dirección da agrupación política xuvenil “teremos representación de todas as comarcas”.

A moza popular, que fixo entrega dos apoios á súa candidatura un día antes de que remate o prazo, dixo que teñen un calendario de traballo establecido durante a campaña, (entre o 30 e 9 de maio). Manterán xuntanzas con todas as agrupacións locais e con representantes sectoriais que afecten máis directamente á xuventude. A pretensión da candidatura integrada pola quiroguesa, polo lucense Pablo Flórez e o focense Roberto Fernández, é a de dar a coñecer as liñas do seu programa ademais de ter a oportunidade de sometelo ao consenso de afiliados e simpatizantes.

Arza dixo que “queremos seguir achegando o partido e a formación xuvenil aos mozos” sendo o “nexo de enlace” entre a mocidade e os políticos tal e como “veu facendo de xeito extraordinario a executiva saínte”. “Débolles agradecerlles o seu traballo e compromiso”, matiza.

O VIII Congreso Extraordinario Provincial de Novas Xeracións de Lugo celebrarase o 14 de maio en Monforte de Lemos e será un congreso aberto á militancia, no que cada afiliado terá o seu voto.

Exit mobile version