Site icon Crónica3.com A Mariña

Silvia, Adrián e Rubén fórmanse na engrenaxe burelista

montecastelo-practicas16-1Burela, 13 de abril de 2016.- O CD Burela FS Pescados Rubén terá novos membros na súa estrutura durante os vindeiros meses. Dende a semana pasada tres alumn@s realizan as prácticas formativas do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas do IES Monte Castelo. Os estudantes e tamén xogadores na base laranxa Silvia Rubal, Adrián García e Rubén Fernández foron recibidos na sede burelista polo presidente, Manuel Blanco, acompañados polo xefe do Departamento de Educación Física do centro, Roberto Ramallal.

Silvia, Adrián e Rubén realizarán labores de xestión, coa organización de torneos de base, e participarán na actualidade dos adestramentos da escola nas diferentes categorías, así como cos equipos sénior masculino e feminino, completando un total de 380 horas de prácticas ata mediados de xuño.

Nas última tempadas xa é toda unha tradición a aposta conxunta, de valoración e difusión da práctica deportiva, entre o IES Monte Castelo e o CD Burela FS Pescados Rubén. Ademais de figurar como centro de traballo para o desenvolvemento formativo do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas, o club tamén organiza charlas educativas e conferencias relacionadas coa saúde e a práctica deportiva, como axuda prestada ao centro de ensino. Pola súa banda, o instituto burelao apoia a entidade laranxa a través de recursos humanos e materiais, cedendo as súas instalacións para diferentes proxectos e iniciativas.

Exit mobile version