Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro presentará unha moción coa intención de promover e axilizar a elaboración dun Plan de Tráfico

Viveiro, 28 de abril de 2016.- O Grupo Municipal SON VIVEIRO exporá, para o seu debate no próximo Pleno ordinario do mes de maio, unha moción coa intención de promover e axilizar a elaboración dun Plan de Tráfico.

A actual “Ordenanza municipal de Policía e Bo Goberno” dedica o seu título cuarto á Circulación no término municipal de maneira xenérica, sen contemplar un plan específico para regular o tráfico de vehículos no interior do casco antigo.

Marcos Besada, concelleiro de Son Viveiro, manifesta: “tal e como vimos denunciando desde a integración do noso grupo na Corporación, son moitas as anomalías que se producen dentro do casco antigo en canto á circulación se refire, motivadas tanto pola falta de vixilancia como dunha normativa que regule a mesma”.

SON VIVEIRO proporá, para a elaboración de dito Plan de Tráfico, a adopción das seguintes medidas:

1.- O acceso efectuarase a través das rúas Irmáns Vilar Ponte, Maruja Mallo e Pastor Díaz e a saída, pola rúa Margarita Pardo de Cela.

2.- En cada un dos accesos ao interior do Casco colocaranse sinais de circulación prohibida (actualmente, as tres portas históricas – Porta de Carlos V, Porta do Valado e Porta da Vila- carecen das mesmas), acompañadas das seguintes observacións:

a) Excepto vehículos autorizados.
b) Máximo 3000 kg.
c) Velocidade máxima 10 km/hora.
d) Horario de luns a sábado de 9 a 11 e de 16 a 18 horas.

3.- Para circular polo interior do Casco, no cristal parabrisas dianteiro figurará a tarxeta expedida polo Concello a cada vehículo autorizado para tal fin, debendo aparecer no reverso da mesma o plano que indique o sentido da circulación que evitará o cruzamento de vehículos, así como as entradas e as saídas, sen cruzar beirarrúas e por zonas relativamente amplas, dentro das limitadas proporcións das nosas rúas.

4.- O tempo permitido para a realización da actividade será o imprescindible, non podendo os vehículos en ningún caso permanecer aparcados.

Para os accesos restantes, o persoal técnico deberá determinar os sistemas de control que impidan o acceso e a circulación de vehículos. Actualmente, nas citadas entradas non existe ningún tipo de advertencia.

Coa finalidade de facer de Viveiro unha vida máis humana, as e os viandantes deben contar coas máximas facilidades; para conseguir este obxectivo, o persoal do Concello deberá comprometerse a dar exemplo, deixando de utilizar a Praza Maior como aparcadoiro dos distintos vehículos oficiais.

Para facer efectivo o cumprimento deste Plan, a Policía Local, no cumprimento do seu deber, debe canalizar a circulación rodada e peonil, vixiar e impedir o estacionamento durante horas no interior do Casco e verificar que os vehículos que regularmente acceden ao interior do mesmo non superen o peso máximo autorizado.

Co gallo de facilitar o coñecemento por parte da veciñanza do presente Plan, a Alcaldía deberá publicar o correspondente Bando.

“Non convén esquecer -remata Marcos Besada-, que a Corporación viveirense aprobou por unanimidade, no Pleno ordinario celebrado o día catro de novembro do pasado ano, comezar os trámites para que o Casco antigo sexa recoñecido como histórico, título difícil de conseguir con vehículos circulando en todas direccións a calquera hora e permitindo que os espazos diante dos monumentos máis emblemáticos sexan utilizados como aparcadoiros.”

Exit mobile version