Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro rexistra unha moción para a elaboración dunha ordenanza reguladora da protección dos camiños rurais

Viveiro, 6 de abril de 2016.- Para o pleno deste mércores 6 de abril o Grupo Municipal SON VIVEIRO rexistrou unha moción para a elaboración dunha ordenanza reguladora da protección dos camiños rurais, con especial fincapé nas operacións forestais.

Varias foron as achegas de veciñas e veciños que nos trasladaron as súas molestias polo estado no que se atopan, en moitas ocasións, os camiños de uso público de acceso aos seus aproveitamentos forestais e/ou gandeiros debido ao paso de camións de gran tonelaxe, que soen ocasionar desperfectos nos mesmos. Sabemos da importancia que ten o sector forestal no noso medio rural, pero tamén dos potenciais usos que se poderían levar a cabo a través dunha xestión sustentable de dito medio, que é unha parte importante do noso municipio.

Nesta moción, presentamos uns acordos básicos cos cales comezar a redactar dita ordenanza e ofrecémonos para colaborar na súa elaboración; son os seguintes:

1. Creación dunha Comisión de Estudo para elaborar, co asesoramento técnico necesario, o texto de Anteproxecto da Ordenanza reguladora da protección dos camiños e vieiros municipais en relación coas operacións forestais e similares.

2. Darlle publicidade a este acordo, co fin de facilitar reclamacións e suxestións a través da participación cidadá e dos distintos colectivos relacionados co sector.

3. Someter ao Pleno, para a súa aprobación inicial, o Anteproxecto da Ordenanza.

A preservación deste tecido forestal, no que a produtividade é só un dos seus valores −amais do paisaxístico e do ambiental−, fainos sensibles ante a importancia que ten regularizar os traballos de quita de madeira a través de camiños de uso común.

Dende SON VIVEIRO, traballaremos para que o tecido rural, ao igual que o mar, sexan os sectores sobre os que vertebrar o desenvolvemento económico do noso concello, sen perder de vista o impacto social e ambiental dos proxectos que se queiran desenvolver nestes eidos.

Exit mobile version