E están incomunicados, divididos, illados. Non se ven entre eles. Nin sequera un e-mail para contarse as súas penas. Incapaces de xuntase para reivindicar os seus dereitos. Gustaríalles saír á rúa para facerse oír. Gritar a súa soidade e o seu abandono. Pro a súa voz, debilitada polo paso dos anos, no é mais ca un eco entre as catro paredes da súa casa. Algúns agardan a chegada da traballadora social. Unha hora de compañía. E outra vez sós.
E a súa familia? Uns perderon a tódolos seus seres queridos. Outros a teñen traballando moi lonxe. Non poden coidalos. Chegarán sós ó final da etapa. A súa familia aparecerá, seica, no último momento pra recoller os seus escasos bens. É o progreso. Sós na vida e sós na morte. Cada día se ven máis casos.
Anciáns, que antes finaban na súas casas. Arroupados pola calor da familia, dos seus fillos e netos. Que lles apretaban a man nos derradeiros momentos para que non se sentiran sós. Entre moitas penurias, as veces, e mesmo pobreza. Pro finaban coidados e con moito agarimo. Na súa casa, entre os seus, deixaban o seu espírito e as súas lembranzas. Pro, amigos… chegou o progreso e con el o materialismo egoísta. Fora de casa, que estorban!
E a sociedade? Inmersa no intenso ritmo da vida, do traballo e a diversión. Traballo lle custa poder sobrevivir. Non ten tempo pra ocuparse deles. Xa non lles son útiles. E, como “a can vello todas son pulgas”, as súas escasas pensións apenas lles chegan prós seus gastos. Unha miseria. Eles… ¡que tanto loitaron pra poder ter este que chamamos “estado de benestar”! Chegaron á vellez sen aforros. O diñeiro gañado na vida foilles roubado en impostos para manter lacazáns e no pago da chamada seguridade social para recibir agora unha patada no cu. A súa pequena paga no chega pra unha residencia pública e menos para unha privada.
E non son poucos. Uns 270 anciáns soamente en Ribadeo. E todos maiores de 80 anos. Pro están calados. A súa voz non se oe. A súa mirada xa está apagada. As institucións públicas poden estar tranquilas. Non van saír a gritar polas rúas nin exhibir as súas pancartas reivindicativas. Non son un problema. Porque os vellos non teñen voz. A súa voz está apagada, cansa. Pobres vellos. Que sós se quedan!
José María Rodríguez.