O acto tivo lugar na Sala de Exposicións da Deputación e, xunto a Ferreiro, estiveron tamén presentes Paloma Lugilde, coordinadora do Festival, a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, e a Concelleira de Cultura no Concello de Lugo, Carme Basadre.
Así mesmo, a presentación contou coa representación teatral dun fragmento da obra de Lorca Comedia sen Título, a cargo da actriz Uxía Alonso e do actor Lucas Chao, da Compañía de Teatro da Usc.
Esta nova edición do Festival Internacional de Teatro Universitario terá lugar do 8 ao 19 de abril, cun completo programa de funcións teatrais así como de actividades complementarias.
Un completo programa que pensado para facer que o público desfrute do XXII Festival Internacional de Teatro Universitario
O XXII Festival de Teatro Universitario presentará en Lugo do 8 ao 19 de abril catro montaxes doutras tantas compañías universitarias, así como dous micro proxectos artísticos desenvolvidos polos actores latinoamericanos Pâmela Fogaça e Raymundo Rangel, así como pola madrileña Ángela Beltrán. Un relatorio sobre a dramaturxia de García Lorca, a cargo do director do Instituto de Teatro de Madrid, Javier Huerta Calvo, e un concerto sobre a música na vida deste xenial autor granadino, a cargo de Samuel Díaz, reforzan a programación desta nova edición do festival de teatro universitario, un certame que por vez primeira ofrece pases específicos para o estudantado de ensinanzas medias, ademais de ensaios e obradoiros de adestramento actoral abertos ao público interesado.
O director do Instituto de Teatro de Madrid, Javier Huerta Calvo, abrirá o vindeiro 8 de abril, ás 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, a programación do XXII Festival de Teatro Universitario co relatorio ‘Luces e sombras de O Público’, a obra de Lorca que porá en escena a compañía de Teatro USC-Lugo o 17 de abril no auditorio Gustavo Freire, o mesmo escenario no que a formación universitaria dirixida por Paloma Lugilde ofrecerá os días 18 e 19 novos pases desta obra, algúns dirixidos a estudantes de institutos de ensino secundario.
A posta en escena de ‘Cinzas’, unha peza adaptada e dirixida por Roberto Salgueiro e que toma o nome das obras completas de Rodrigo García publicadas baixo o título ‘Cenizas escogidas’, a cargo da Compañía de Teatro USC-Santiago de Compostela, abrirá o 12 de abril, ás 21.00 horas, a quenda de funcións no auditorio Gustavo Freire, o mesmo escenario no que a Aula de Teatro Universitaria ‘Maricastaña’ de Ourense presentará ‘Demediado’, unha dramaturxia de Fernando Costa a partir de ‘O vizconde demediado’, de Ítalo Calvino.
Un obradoiro aberto de adestramento actoral e de achegamento á ‘O Público’, de García Lorca, coa compañía de teatro USC-Lugo capitalizará o 14 de abril a actividade dun festival que, ao día seguinte, dará visibilidade a tres micro proxectos artísicos: ‘Cacao e Caña’, a cargo de Treta Teatro (Pamela Fogaça e Raymundo Rangel), ‘Raíz’, de Krilajo, e ‘Y si fueras ella?’, que ten por actriz protagonista a Ángela Beltrán.
A estrea de ‘O Público’, a cargo da compañía de Teatro USC-Lugo, será o domingo 17 de abril, aínda que as persoas interesadas poderán gozar o día anterior dun ensaio aberto no auditorio Gustavo Freire, que tamén acollerá novos pases desta montaxe o luns 18 e o martes 19 de abril. Asemade, en parello con esta actividade teatral, o auditorio da Casa do Saber acubillará o 18 de abril, a partir das 20.00 horas, o concerto ‘A música na vida de Lorca’, a cargo de Samuel Díaz.
A asistencia ás distintas actividades programadas ao abeiro do XXII Festival de Teatro Universitario é libre e gratuíta, aínda que, dado que a capacidade de asistencia para presenciar a función de ‘O Público’ está limitada a 100 butacas, as persoas interesadas deberán recoller previamente as entradas nas oficinas de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, onde se despacharán a partir do 15 de abril. Para asistir aos pases programados para institutos de ensino medio ou para participar nos obradoiros ofertados, que teñen prazas limitadas, cómpre facer a reserva previa en quenda de mañá no número de teléfono 982 821 513.