Ribadeo, 10 de marzo de 2016.- A agrupación socialista de Ribadeo ven de celebrar a súa segunda asemblea aberta, nesta ocasión cunha maior asistencia de veciños e veciñas ós que agradecen a súa presenza e a participación.
O pasado venres, na casa do mar, os socialistas deron conta das actuacións realizadas ata ó de agora e comprometéronse a seguir traballando polo concello e polos seus habitantes abordando sempre todas as inquedanzas que se lles fagan chegar por parte dos veciños e veciñas e defendendo o programa co que concorreron ás pasadas eleccións municipais.
Así, veñen de presentar tres mocións para o próximo pleno: unha para pedir a reordenación do tráfico na vila de xeito que tanto veciños como visitantes poidan entrar e saír dunha forma ordenada, segura, directa e cómoda; o acondicionamento da sinalización; e a mellora do alumeado público polo menos e de xeito urxente nos puntos mais perigosos, coma pasos de peóns, cruces, etc. A segunda, para instar ó goberno municipal a que faga todo posible para que a actualización dos valores catastrais non supoña unha nova carga económica para os e as ribadenses, aplicando todas as bonificacións e reducións posibles e, de ser o caso, establecendo axudas de tipo económico para as persoas con menos recursos. E a terceira, para pedir a aprobación xa dun regulamento de participación veciñal no que parece ser que se leva traballando mais de seis anos sen que a día de hoxe teña visto a luz; para iso, xunto ca moción, o grupo municipal socialista presentou un modelo de regulación que entende perfectamente válido e razoable e que din que debería ser aprobado canto antes.
Ademais, como levaban no programa e tamén lles pediron nesta última asemblea aberta, vanlle pedir ó Goberno Municipal tanto o inventario actualizado dos inmobles da súa titularidade coma unha relación dos que ten en réxime de aluguer ademais dun informe do custo que supón para as arcas municipais o mantemento dos inmobles propios e o aluguer dos que non o son.
A agrupación socialista continuará a escoitar ós veciños e veciñas, de xeito individual ou mediante os representantes das distintas asociacións e clubes do concello, tanto na súa sede que atoparán aberta os mércores en horario de mañá e de tarde coma mediante citas concertadas e as visitas ás parroquias que veñen facendo de forma periódica.
Para o próximo martes, 17 de maio, co gallo da celebración do día internacional contra a homofobia, transfobia e bifobia, avogando polo respecto a todas as persoas, independentemente das súas características persoais e íntimas, abordarán a importancia do activismo como motor do cambio social e o qué son e cómo se poden combater os prexuízos e os estereotipos. As conferencias correrán a cargo de Gonzalo Diz Álvarez, activista LGTBI, e Mariano Beltrán, psicólogo, e o acto pretende ser un referente na loita polo respecto á diversidade social, para toda a Mariña e o Occidente asturiano.