Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Cultura da Deputación de Lugo presenta un amplo abano de actividades pola Semana dos Museos

ff4041e5-017f-465b-bde2-a92eefbacafdLugo, 9 de maio do 2016.- Xosé Ferreiro, Delegado de Cultura na Deputación de Lugo, presentou na mañá deste luns o programa da Semana dos Museos, vinculada á celebración do Día Internacional do Museos, que se celebra o 18 de maio. Xunto a el estiveron tamén Esther López, en representación do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), Encarna Lago, Xerente da Rede Museística Provincial, e Aurelia Balseiro, Directora do Museo de Lugo.

O programa de actividades proposto para este ano 2016 abrangue os catro Museos da Rede Museística e tamén, por vez primeira, o CENTRAD, Centro agora xestionado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. Así, tendo en conta que este ano o ICOM (Consello Internacional do Museos) adica o Día Internacional dos Museos ás paisaxes culturais, no programa ideado desde a Área de Cultura da Deputación destacase en gran medida a relación dos Museos coa súa propia contorna.

Xosé Ferreiro explicou que o conxunto das actividades propostas está pensado desde un enfoque de “museos comunitarios, implantados na sociedade e pensados para todas e todos” dixo. Así mesmo, o Delegado de Cultura da Deputación sinalou que “este ano, por vez primeira, incluímos o CENTRAD como espazo no que se desenvolverán tamén actividades desta Semana dos Museos, buscando a integración deste Centro na actividade Área de Cultura. Así, ao longo desta semana, na que tamén celebramos o Día das Letras Galegas e a Noite dos Museos, teremos un amplo e variado programa de actividades, abertos a todo o público e a todas as idades”, concluíu.

Exit mobile version