Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa-Museo Manuel María acollerá unha xornada de portas abertas na tarde do 17 de maio

A Real Academia Galega escolleu a Casa-Museo Manuel María para desenvolver os seu acto oficial na mañá do día 17 de maio que, nesta ocasión, está destinado a homenaxear ao escritor chairego. Pola súa parte, a propia Casa-Museo quere convidar a todo o pobo galego a darlle continuidade á celebración na tarde dese mesmo día 17 levando a cabo unha xornada de portas abertas dirixida a todo tipo de públicos.

As visitas guiadas gratuítas ao legado de Manuel María a través da casa onde naceu e que tanto amou, tamén como xeito de aproximación a un mellor coñecemento da súa biografía, da súa obra e das diferentes facetas que conforman unha das personalidades máis senlleiras das nosas letras, iranse combinando durante toda a tarde con música, maxia, recitados poéticos, lecturas de textos, proxeccións audiovisuais…que a mesma Casa-Museo acollerá.

A Casa-Museo convida a todo o pobo galego a se achegar a Outeiro de Rei para festexar a vixencia da palabra poética e do exemplo ético dunha voz, a de Manuel María, que corresponde coa dun dos poetas galegos máis populares de todos os tempos. Así o testemuña a multitude de propostas e iniciativas que este ano das Letras está a traer.

Horario da Casa Museo Manuel María
A afluencia de persoas visitantes que queren coñecer a persoa e a obra de Manuel María fai que a Casa-Museo do escritor abra dende a pasada fin de semana e durante os meses de maio e xuño, en principio, os domingos pola tarde e os días feriados. Así, o horario de apertura nestes días entón coma o dos sábados: once da mañá a dúas do mediodía e de catro e media a seis e media da tarde.

Grupos de escolares ou de adultos poderán visitar a Casa Museo calquera día con cita previa a través do teléfono 698 177 621. O prezo é de 2,5 euros por adulto. No caso das visitas en grupos de 3 a 25 persoas, 2 euros cada unha e para os grupos de máis de 25 persoas, 1,80 euros. A entrada para os escolares e menores de 12 anos é de balde.

Exit mobile version