Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia a situación de bombeiros a tempo parcial nos parques de bombeiros de Vilalba, Barreiros e Viveiro

30 de maio de 2016.- Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) queremos denunciar a situación de precariedade na que están un total de 9 bombeiros das plantillas dos parques de Vilalba, Barreiros e Viveiro.

Estes traballadores levan 5 anos prestando servizos nestes parques con contratos a tempo parcial, en concreto 1/3 da xornada e teñen un salario de 398€ mensuais.

A situación destes traballadores agravase toda vez que dispoñen dunha xornada irregular, o cal supón na práctica que non poidan compatibilizar o seu traballo nos parques de bombeiros con outros traballos, o cal os condena a unha precariedade absoluta.

Debemos lembrar que estes Parques de Bombeiros, xestionados pola empresa Veicar, pertencen ao Consorcio Provincial de Bombeiros, polo que existe unha grande responsabilidade nas Administracións públicas, maiormente da Deputación Provincial, na situación destes traballadores. Non cabe a desculpa de que a contratación destes traballadores é unha mellora da empresa no concurso, posto que é impresentable e indigno que as melloras nos concursos se baseen na precariedade dos traballadores, máxime cando estamos a falar dun servizo público esencial como é o da extinción de incendios e as emerxencias.

Desde a CIG esiximos á Deputación Provincial, á Xunta de Galiza e aos Concellos afectados que procedan a realizar as xestións oportunas para rematar coa precariedade destes traballadores, posto que é inconcebible que profesionais que están a realizar tarefas fundamentais para a seguridade dos vecinos estean a sufrir tal nivel de precariedade.

Exit mobile version