Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino valora moi positivamente o boicote ás reválidas nos centros da Mariña

aula baleira ceip santa ritaA Mariña, 26 de maio de 2016.- Dores Fernández Abel, secretaria da CIG-Ensino e membro da Plataforma en Defensa do Ensino Público fíxose eco dos datos de ausencia do alumnado nos centros da Mariña ás reválidas de 3º de Primaria. A falta de asistencia á proba de 3º de Primaria celebrada os días 24 e 25 foi maior que na de 6º celebrada días pasados. Así, a media de ausencia de alumnado estivo en máis dun 75 % en terceiro mentres que en sexto fora dun 67%.

Dores Fernández especificou que houbo centros nas que o rexeitamento ás probas foi xeneralizado en 3º, con centros nos que faltou o 100% do alumnado como no Ceip Nº 1 de Foz ou Ceip Santa Rita de Galdo. En moitos outros centros practicamente faltaron o 100% como é o caso do Ceip de Covas (20 de 21), Cep Lois Tobio (49 de 54), Ceip O Cantel (16 de 17), Ceip Alvaro Cunqueiro (22 de 24), Ceip Juan Rey (11 de 12), Ceip Pedrosa Latas (21 de 25), Ceip Gregorio Sanz (27 de 38) ou Ceip Caselles Rollán (14 de 21).

Segundo explicou Dores Fernández “con estes datos o máis normal sería que a Consellaría de Educación recapacitara e se paralizaran todas as probas de reválidas que contempla a Lomce, unha vez que son rexeitadas pola comunidade escolar e supoñen un despilfarro de tempo e de cartos”. Alertou ademais de que estas probas son o prólogo das reválidas de 4º da ESO e 2º de Bacharelato, que terán carácter eliminatorio e que poden impedir a parte do alumnado obter os títulos correspondentes ou acceder á universidade. “Son probas que conducen ao alumnado a entrar nunha competición e que converten os centros de ensino en centros competitivos no canto de centros educativos”, denunciou a CIG.

Diante do fracaso das reválidas, a CIG-Ensino agradece o esforzo realizado polas familias, que tiveron que facerse cargo das súas fillas e fillos estes días, en aras do interese común de velar por un sistema educativo de maior calidade, inclusivo e que favoreza a igualdade de oportunidades. Desde o punto de vista do profesorado, a CIG defende un modelo contrario a estas probas de reválida e que aposte pola avaliación continua do alumnado, que valore o traballo docente e que conte con el á hora de tomar decisións así como que non someta ao alumnado a un estres innecesario sobre todo a idades temperás.

Exit mobile version