Cyrgasa,S.A., empresa auxiliar de Alcoa, celebrou as eleccións sindicais para a renovación do seu Comité de Empresa. Estaban convocados para este proceso os 96 traballadores e traballadoras que conforman a plantilla da empresa, dos cales exerceron o seu dereito de voto 91 o que representa unha participación de case un 95%.
O escrutinio deulle á Confederación Intersindical Galega 46 votos o que supón un 51% dos votos válidos. As candidaturas dos outros dous sindicatos que participaban nestas eleccións obtiveron 28 votos (31%) a do SIT (Sindicato Independente de Traballadores) e 13 votos (14%) a de CC.OO.
Traducidos estes votos a representantes, a CIG consigue tres delegados no Comité de Empresa, o que significa que ten a maioría absoluta do mesmo, por un representante de cada un dos outros sindicatos .
Dende a Confederación Intersindical Galega queremos destacar a masiva participación no proceso e agradecer o gran apoio dos traballadores e traballadoras á CIG, que ven confirmar a nosa liña sindical na empresa e contribúe a consolidar o liderazgo do noso sindicato.