10 de maio de 2016.- Na Confederación ANPAS GALEGAS levamos máis de tres semanas informando sobre as reválidas da LOMCE, nomeadamente sobre a de sexto de primaria, porque é a que se estrea estes próximos días, mais tamén sobre a repetición da de terceiro de primaria, que non por ser coñecida é menos rexeitada,
e mesmo das futuras reválidas de 4º da ESO e 2º de Bacharelato que pretenden comezar a finais do próximo curso académico, porque a nosa obriga como pais e nais é pelexar polo presente, pero tamén polo futuro, dos nosos fillos e fillas, e entendemos esas probas como un atranco innecesario e estéril co que pretendemos que non teñan que atoparse.
En ANPAS GALEGAS cremos totalmente na organización dos territorios de acordo coas súas peculiaridades e realidades xeográficas; por iso non tivemos un modelo único de campaña informativa, nalgunhas partes, como a área de Compostela, fixéronse charlas informativas colexio a colexio, invitando ás veces aos centros achegados; noutras como a Costa da Morte optouse por organizar as sesións informativas nos diferentes Concellos que forman esa Federación, como tamén fixeron na comarca de Ferrolterra, mentres que na provincia de Lugo, pertencente integramente a esta Confederación, optouse por un modelo mixto, realizándose encontros en diferentes colexios e tamén centralizando outros en distintos concellos da xeografía provincial.
No sur do noso País, as federacións de Vigo, Cangas, Condado-Paradanta e Louriña ou na do Val Miñor, reproducíuse tamén o mesmo esquema de charla participativa organizada, ben nos colexios, ben en espazos comúns que aglutinaran a familias de diferentes centros escolares.
Non temos datos sobre o número global de asistentes que tivemos nas nosas convocatorias, a prioridade era a información, non o reconto; pero se constatamos tres realidades obxectivas:
– Un achegamento masivo ás actividades convocadas.
– O máximo interese demostrado polas familias galegas sobre estas probas e sobre todas as probas futuras que terán que superar os seus fillos e fillas.
– O case unánime rexeitamento das familias asistentes á realización deste tipo de avaliacións.
Xa case non existe debate sobre a necesidade, conveniencia ou posible utilidade das reválidas; a pouca, errática, politizada e tardía información subministrada pola consellería de educación, a amplitude das campañas feitas dende todos os referentes educativos, a propia experiencia das familias sobre o que aconteceu o pasado ano na reválida de terceiro de primaria, e a elaborada e moi difundida campaña que realizou esta Confederación de ANPAS GALEGAS, fixo que o rexeitamento rotundo ás probas fose o punto de partida de todas estas ducias de actividades de discusión e formación.
Dende as ANPAs rexeitamos estas probas por clasistas, por inútiles, por clasificadoras, por non inclusivas, dicimos que non deben facerse porque non melloran o sistema educativo e porque os resultados que debemos consultar e utilizar son os resultantes da avaliación continua do alumnado que realizan os profesionais docentes.
Tamén sabemos que para coñecer un centro ou un curso non hai máis que lle preguntar aos seus docentes e ás familias implicadas; e que ningunha proba dunhas horas pode substituír ao traballo serio e eficaz que fai un docente na súa clase cando está coordinado co traballo familiar.
Todo iso xa o coñecemos, as ANPAs como organizacións, e as familias en xeral, pero nas charlas atopamos algo máis, atopamos o crecente murmurio de insatisfacción de todos os que pensamos con qué dereito, e baseándose en qué lóxica, os nosos poderes públicos pensan que poden impor aquilo que a cidadanía non quere; preguntámonos por qué os nosos fillos e fillas teñen que pasar por unha proba que nada lles achega, pero que lles fai perder tres días de clase e pasar por unha situación de estrés que a nada conduce; pensamos tamén no diñeiro público que se vai tirar para facer unhas probas, que só están pensadas para facer valoracións que logo xustifiquen políticas de recorte, como as que levamos sufrindo nos últimos lustros.
As familias temos moi claro que hai moito que traballar para termos unha educación moderna, inclusiva, que traballe pola equidade e pola participación de toda a comunidade educativa, e que xa está ben de perder o tempo e o diñeiro en fórmulas que xa hai moitos anos que se rebelaron incompatibles cunha educación como a que queremos.
Por iso nós estivemos animando a todas as familias para que estes días non envíen aos seus nenos a clase, que non fagan estas probas que para nada lles serven, e que continúen dicindo en voz alta e rotunda: non queremos a LOMCE nin as súas reválidas, porque queremos que os nosos fillos e fillas teñan o futuro aberto e dispoñible para poder ser e facer o que desexen.