Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada territorial da Xunta aposta pola profesionalización do turismo para posicionar á provincia no mapa de destinos de primeiro nivel

Lugo, 3 de maio de 2016.- A delegada territorial da Xunta salientou os “bos resultados” que o sector turístico está a acadar na provincia de Lugo e que supuxo que no primeiro trimestre deste ano se incrementara o número de viaxeiros un 2,9 por cento con respecto ao mesmo período de 2015, ao sumar 81.535. Unha suba que, segundo explicou, seguramente é aínda maior posto que a contabilización faise sobre os viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da provincia.

Raquel Arias dixo que todos os indicadores “son positivos”, o que denota que “imos polo bo camiño”. Así, segundo detallou, as pernoctacións aumentaron neste primeiro trimestre do ano un 12,7 por cento; a estadía media un 9,5%; e a ocupación hoteleira tamén preto dun 3 por cento.

A delegada da Xunta fixo estas valoracións durante a visita que realizou este martes aos alumnos dun dos cursos para profesionais do turismo que promove Turismo de Galicia no marco do proxecto estatal Anfitrións-Cultura do Detalle e que se están a desenvolver nas instalacións do Arquivo Histórico Provincial

Arias, que estivo acompañada polo Director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, e pola xefa da Área Provincial de Turismo, Paloma Vázquez, subliñou que “a actualización e a ampliación de coñecementos é un elemento imprescindible para contar cun sector turístico de vangarda, posto que estamos ante un mercado cambiante e é necesario facer fronte á muda de prioridades e esixencias dos consumidores para diferenciarse”.

A delegada enfatizou que Lugo é a única provincia galega na que se desenvolven este tipo de accións formativas, o que “demostra a aposta da Xunta polo desenvolvemento turístico e, consecuentemente, pola creación de riqueza e emprego nos nosos concellos”.

Destacou ademais que a nosa provincia “está a espertar moito interese” entre os viaxeiros estranxeiros que neste tres primeiros meses do ano aumentaron nun 34,3 por cento, incrementando tamén as súas pernoctas nun 17,2 por cento con respecto a 2015.

“Estes datos teñen que nos servir de aliciente para seguir a traballar por un sector turístico de calidade, cuns profesionais que conten cunha formación adecuada para responder ás novas demandas do sector, que contribúan a posicionar Galicia no mapa nacional de destinos de primeiro nivel”, engadiu.

No curso que hoxe visitou a delegada territorial estase a formar aos empregados e empresarios turísticos en ‘Técnicas de selección de persoal con vocación de servizo’. É tan só unha das 20 accións formativas independentes, de catro horas de duración, que organiza Turismo de Galicia en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo de España no marco do proxecto Anfitrións-Cultura do Detalle, especialmente centradas na mellora da atención prestada ao cliente.

Ademais dos cursos que se están a desenvolver en Lugo esta semana, impartirase un programa similar en Mondoñedo entre os días 23 e 25 de maio.

Exit mobile version