Site icon Crónica3.com A Mariña

A DGT reforzará a vixilancia nas estradas convencionais galegas durante a vindeira semana

6 de maio de 2016. A Dirección Xeral de Tráfico poñerá en marcha desde o luns día 9 unha nova campaña especial de vixilancia nas estradas convencionais da comunidade galega. Durante toda a semana, ata o domingo día 15, incrementaranse os controis neste tipo de vías.

Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil vixiarán que se circule á velocidade adecuada, controlarán os adiantamentos indebidos, a inxesta de alcol ou drogas, o uso de casco e sistemas de retención, a utilización do teléfono móbil ou auriculares durante a condución, a manipulación de navegadores ou de calquera outro elemento que poida distraer e, en xeral, calquera infracción da normativa vixente en materia de circulación viaria.

Ademais, aproveitarase para concienciar sobre a importancia do respecto mutuo entre vehículos a motor e bicicletas. Neste sentido, entre os condutores de vehículos motorizados repartiranse dípticos informativos incidindo na necesidade de reducir a velocidade ante a proximidade de ciclistas, así como a obrigatoriedade de apartarse un mínimo de metro e medio nos adiantamentos. Á súa vez, entre os ciclistas repartiranse cortaventos reflectores para mellorar a súa visibilidade. Trátase dunha campaña específica na que colaboran a Xunta e a Federación Galega de Ciclismo e que se prolongará durante dous fins de semana máis aló da conclusión da campaña especial de vixilancia sobre infraccións en carretas convencionais.

SINISTRALIDADE

Desde a Delegación do Goberno en Galicia lémbrase que un dos obxectivos prioritarios na estratexia da DXT para o período 2011-2020 é o de lograr comportamentos máis seguros nas estradas convencionais.

A importancia desta campaña represéntase nas cifras que analiza a DXT en relación á sinistralidade viaria. Así, aínda que as vítimas mortais nas estradas convencionais galegas foron descendendo desde o ano 2010, cando se rexistraron 157, ata case a metade en 2015, cando faleceron 81 persoas, a accidentalidade mortal neste tipo de vías acaparou o pasado ano en Galicia o 88% da rexistrada fóra do ámbito urbano (en autovías faleceron 10 persoas e ningunha en autoestradas). É unha porcentaxe máis elevada que o rexistrado o pasado ano no conxunto do territorio nacional, onde os falecidos en accidentes rexistrados en vías convencionais roldaron o 81%.

E é que na comunidade galega as estradas convencionais representan un 90% das vías interurbanas. Son vías que non dispoñen dunha separación física de ambos os sentidos, polo que entrañan maiores riscos en caso de adiantamentos, prioridades de paso, etc. Ademais, dentro das estradas convencionais teñen especial peso as estradas locais, camiños veciñais e pistas, onde se rexistrou en 2015 o 6.17% dos accidentes mortais producidos en vías convencionais.

Nun estudo elaborado pola Agrupación de Tráfico da Garda Civil sobre accidentalidade en vías convencionais de España no período comprendido de 2010 a 2015, extráense as seguintes consideracións:

– En torno ao 68,81% dos accidentes e o 77,17% dos falecidos prodúcense neste tipo de estradas.

– Mantense a porcentaxe de falecidos en horario diúrno (o 62,69% no ano 2014 e o 62,89% en 2015), coincidindo en fin de semana as porcentaxes máis elevadas.

– Nos accidentes graves rexistrados en vías convencionais repítese a saída de vía, sendo as causas máis habituais a distracción, a velocidade inadecuada e, en xeral, a infracción dalgunha norma.

Exit mobile version