Site icon Crónica3.com A Mariña

A Federación de Anpas Galegas emite un comunicado sobre o seu posicionamento sobre as próximas reválidas de terceiro de Primaria

20 de maio de 2016.- Os pasados días 11, 12 e 13 de maio as familias galegas que teñen fillos e fillas en sexto de primaria decidiron masivamente que non fosen á escola eses días para non ter que facer as probas de avaliación, o que coñecemos como reválidas de sexto, compartindo a mensaxe que a Confederación ANPAS GALEGAS foi difundindo no seu nome por toda a xeografía galega.

No Ensino Público Galego, no noso, calculamos ao redor dun 80 % o número de familias de toda Galicia que tomaron esa decisión. Agora temos por diante unha nova convocatoria de reválidas para os nenos e nenas de terceiro de primaria, os vosos fillos e fillas; a Administración pretende avalialos de competencias lingüísticas en galego e castelán, e de competencias matemáticas, queren examinalos nun día do que levan todo o ano formándose e sendo avaliados de forma continua.

A razón pola que as nenas e nenos das familias de sexto non acudiron masivamente ao colexio eses días foi porque non querían ser etiquetados, non querían ter unha marca que dixera o que ese neno ou nena fixo eses días, non querían que levaran ese condicionante para o futuro; o que as familias queren é que esa información veña da man do que poida dicir a titora ou titor do neno, a persoa que os coñece e sabe valoralos na súa integridade, non do que poidan dicir uns exames feitos sen coñecer aos nenos e nenas, e pensados para outorgarlles unha marca, coma se os nenos puidesen ser marcados.

As familias de sexto viron con moita claridade que esta pelexa é un esforzo a longo prazo, xa non é tanto que protestemos para que non se faga o exame que afecta aos nosos fillos e fillas, senón que queremos evitar que continúen incorporándose barreiras dentro do ensino obrigatorio; non só dicimos que non queremos reválidas en terceiro ou en sexto, dicimos xa que non as imos tolerar na ESO nin no bacharelato, porque esas si que poden romper a vida académica dos nosos fillos e fillas.

Protestamos no presente para evitar males no futuro, dicimos agora o que non queremos que ocorra despois, poñemos os cementos do que debera ser un Ensino Obrigatorio inclusivo, no que caiban todos e non se bote fóra a ninguén, traballamos aos oito anos para cando sexan nenos de once, quince ou dezasete, como facemos todos os días, mirando cara ao futuro.

As familias de sexto marcaron o camiño, fondo e ben marcado, continuemos na súa mesma liña e teremos moito gañado contra os que queren clasificar aos nosos fillos e fillas.

Porque somos nós, súas nais e pais, quen sabemos que é o que mellor lles convén; sen que faga falla que ninguén nolo diga.

Exit mobile version