Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de Municipios de A Mariña promocionará o Camiño Norte e organizará cursos e outras actividades para mellorar os servizos de restauración e hostalaría na comarca

A Mariña, 3 de maio de 2016.- A Mancomunidade de Municipios da Mariña levará a cabo actuacións para promocionar o Camiño Norte e mellorar a oferta de restauración e hostalaría da comarca. Foi un dos acordos acadados no pleno celebrado este luns en Burela ademais de poñer a disposición dos concellos o servizo de atención temperá.

O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, contou que “había un punto claro que era o da firma do convenio que temos que asinar coa Axencia de Turismo da Xunta de Galicia para que subvencione nos anos 2016 e 2017 a nosa programación para a promoción e destino turístico da nosa comarca. Déronos 80.000 euros para este ano e 80.000 euros para o ano que ven, máis 30.000 que poñemos de fondos propios da Mancomunidade, en total imos ter para este fin 190.000 euros. Chegamos a aprobar o convenio e a programación que imos realizar durante este ano”.

Llano subliñou que “imos procurar promocionar o Camiño Norte e poñelo como un reclamo e motivo moi bo para que a xente se aproxime á nosa comarca. Despois faremos a promoción e a mellora das ofertas turísticas e de restauración para que o nivel de prestación sexa cada vez mellor e aparezamos en máis sitios. Isto é algo que imos comezar en canto poidamos e vai consistir en facer cursos, seminarios ou xornadas para mellorar os servizos que se prestan tanto en restauración como en hostalaría. Imos rotar por todos os concellos que o soliciten as actividades que organizaremos e imos facer no IES de Foz parte destas mesmas”.

O presidente da Mancomunidade engadiu que “eliximos tamén a xente da Mancomunidade que vai participar no comité de seguimento do convenio de turismo. Fixen unha proposta de que houbera unha representación por cada un dos partidos que conformamos o abanico político da Mancomunidade. Eu xa figuro, o presidente sempre está metido como secretario, e despois eliximos a un representante do Bloque e a outro do PP para que todo o mundo poida aportar. Penso que aquí hai que sumar en todos os aspectos”.

Finalmente Alfredo Llano manifestou que “hai unha cuestión que nos parece moi importante que tamén aprobamos por unanimidade: imos facer un convenio para o uso do servizo de atención temperá. Este servizo leva anos asentado en Burela. É un servizo comarcal e mancomunado que vale para todos. A nosa pretensión é aumentar en persoal e en espazo este servizo e imos facer un convenio con aqueles concellos que queiran facer o seu uso. Pensamos que é un bo servizo para todo o mundo na Mancomunidade e imos facelo en canto teñamos a máis mínima ocasión”.

O mes da maxia, os menús artesáns ou a promoción das rutas de artesanía da comarca son outros dos aspectos nos que traballará a Mancomunidade de Municipios da Mariña.

Alfredo Llano tamén fixo unha valoración positiva da charla impartida onte pola Axencia de Turismo sobre a regularización do aluguer turístico de vivendas por períodos inferiores a trinta días. Sinalou que “foi un acto moi importante sobre unha normativa que se aplicará nuns meses. O acto contou con bastante asistencia”.

Exit mobile version