A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) iniciou un proxecto cultural, EnREDarte, que engloba diferentes disciplinas como fotografía artística, escritura creativa, pintura, teatro, danza contemporánea e música tradicional, no que están a participar máis de 200 persoas con discapacidade e usuarias de entidades e centros de toda Galicia que forman parte de COGAMI.
Financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, este curso impárteo Javier Arca Uría, que ten por finalidade poder lograr que as persoas que asisten ao curso acaden unha boa base de coñecementos fotográficos e, ao mesmo tempo, fomentar o espírito creativo e artístico de cada unha das persoas participantes.
O importante destes obradoiros é que as persoas participantes potencien as súas capacidades artísticas e que superen as dificultades que poidan atopar nesta aprendizaxe e/ou participación. Nisto traballarán durante os meses de maio e xuño.