Site icon Crónica3.com A Mariña

A Orde de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia beneficia a 42 concellos da provincia de Lugo

Lugo, 28 de maio de 2016.- A 2.112.594,22 euros ascende o importe das axudas que a Xunta de Galicia destina este ano para subvencionar proxectos de 42 concellos da provincia de Lugo, ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia, publicada o martes pasado no Diario Oficial de Galicia.

As axudas concedidas teñen por obxecto financiar infraestruturas que beneficien directamente aos veciños. Así, inclúense proxectos encamiñados á mellora ou optimización enerxética nas redes de iluminación pública; á ampliación, rehabilitación ou mellora das dependencias das casas consistoriais; á pavimentación de camiños, así como á mellora de instalacións deportivas e culturais, entre outras actuacións.

A Xunta continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional co obxectivo último de garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de tal xeito que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia.

Os concellos beneficiados con esta Orde son: Abadín, Antas de Ulla; Barreiros, Becerreá, Begonte, Burela, Castroverde, Cervantes, Cervo, O Corgo, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Guitiriz, Guntín, Lourenzá, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pantón, Pantón, O Páramo, Pol, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Viveiro e Xove.

Para a execución destes proxectos cóntase co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través dos fondos incluídos no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. As axudas económicas concedidas financian o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais de concellos e 50.000 euros para as solicitudes formuladas conxuntamente por varios concellos e para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal constituída nos últimos 5 anos.

Exit mobile version