
Foz, 20 de maio de 2016.- Un ano máis a Policia Local de Foz imparte clases de seguridade viaria aos nosos xoves no Parque Infantil de Tráfico. O mércores foi a quenda do Colexio Público Virxe do Monte, de Cospeito (Lugo), que desprazou a esta localidade un total de trinta alumnos. O xoves atenderon aos locais, pertencentes ao Colexio Publico O Cantel, un total de vintedous alumnos, e o venres á Asociación Asistencial Virxe do Carme de Foz. Nas clases, que constan de dúas partes, a teórica -na que se impartiron normas básicas de circulación: como se debe comportar un peón, como se debe circular en bicicleta, a utilización de cascos, cintos de seguridade e chaleco reflectinte así como os sinais de tráfico-, e a continuación púxose en práctica o aprendido no recinto do parque, onde se usan karts e bicicletas. A Policía Local insiste aos participantes que o aprendido hai que poñelo en práctica todos os días para crear bos hábitos que nos salvarán a vida, ou cando menos evitarannos graves lesións.
O ano pasado pasaron polo Parque Infantil de Tráfico de Foz un total de 400 persoas, entre escolares e integrantes de distintas asociacións. Tamén se impartiron nos locais das distintas asociacións do municipio charlas sobre a utilización do chaleco reflectinte.
A Policía Local de Foz sempre está disposta a recibir e impartir clases a calquera asociación ou grupo que estean interesados en recibir esta formación.