Site icon Crónica3.com A Mariña

A rehabilitación eficiente de 120.900 vivendas da provincia aforraría 150.000 millóns de euros e xeraría 48.000 empregos en dez anos

presentacion estudio vivendas-APECLugo, 30 de maio de 2016.- O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, Hipólito Trinidad, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, aos técnicos da APEC Fernando García Novo e Jesús Bargados, e ao profesor da USC Juan Piñeiro, presentaron este luns o primeiro estudo sobre o parque de vivendas da provincia de Lugo. Trátase dun pioneiro proxecto que se elaborou no marco do programa Reacciona 2020 APEC, que executa dito colectivo e financia na súa totalidade o organismo provincial.

Campos Conde subliñou que “cando decidimos poñer en marcha este estudo, marcámonos dous claros obxectivos: primeiro, conseguir a primeira radiografía sobre a situación das vivendas que existen no conxunto da nosa provincia, que poremos a disposición de todos os Concellos e empresas. E, segundo, coñecer o impacto económico e laboral que suporía a mellora eficiente destas edificacións, cumprindo coa normativa europea 20/20/20. Cumprimos os nosos obxectivos. Detectamos que o 98% das edificacións que hai na provincia, exactamente 120.912, son susceptibles de melloras eficientes. De leváranse a cabo estas, nun prazo de 10 anos conseguiríamos un aforro total en combustibles superior aos 150.000 millóns de euros e a xeración duns 48.000 empregos. Polo tanto, acadaríamos vivendas sostibles, aforrando cartos, sendo eficientes e cumprindo cos obxectivos da UE; ao tempo que reactivaríamos o sector da construción a través da rehabilitación eficiente, xerando emprego e riqueza”.

Hipólito Trinidad agradeceu a Campos Conde o seu compromiso co sector da construción. “Este estudo ten que ser un punto de referencia para a construción de edificios con eficiencia enerxética na nosa provincia”, apuntou.

124.063 edificios analizados na provincia
Profesionais da APEC e da USC detectaron que na provincia hai un total de 124.063 vivendas. O 98% destas, que son 120.912, son susceptibles de melloras eficientes, é dicir, con pouca inversión poderían rebaixar o consumo enerxético, aforrando custos. Concretamente, segundo os expertos, nun prazo de 10 anos, aforraríanse 151.304.885 euros en combustible. Serían 302.609 menos de litros de gasóleo e reduciríanse as toneladas de emisión de CO2 en 732.512 toneladas.

Datos de cada un dos edificios da provincia
Para realizar este traballo, empregouse un sistema de Información Xeográfico. Esta ferramenta permitiu acceder aos datos de cada un dos edificios da provincia. O obxectivo foi avaliar aquelas fincas catastrais que teñen uso de vivenda, sen ningún tipo de reforma, e que, principalmente, son anteriores ao ano 1980. Tamén se tiveron en conta aquelas vivendas que se construíron ou se reformaron entre 1980 e 2006, xa que unha actualización con melloras no illamento do edificio incidirían positivamente no peto e na calidade de vida dos usuarios. Para a recompilación de datos deste estudo, empregáronse técnicas de big data. Tamén se realizaron enquisas a empresas da construción da provincia para calcular a cantidade de traballadores, xornadas de traballo ou custe de operacións de rehabilitación enerxética. Este estudo conta con cifras individualizadas, xa que en colaboración coa USC, realizouse un modelo econométrico, no que se analiza o impacto destas medidas en empregos directos, así como outras variables como ratios de retorno ás administracións, empregos xerados, prazos de recuperación de inversión en función da rebaixa de consumos, e evolución do prezo da enerxía.

Exit mobile version