Site icon Crónica3.com A Mariña

A tapa do hotel AG Porcillán foi a gañadora da XI edición do “Ribadeo de Tapeo”, correspondendo o segundo e terceiro premios a A Mirandilla e Casa Pepe-Piano respectivamente

Ribadeo, 30 de maio de 2016.- A tapa do hotel AG Porcillán foi a gañadora da XI edición do Ribadeo de Tapeo. O segundo e terceiro premios correspondían a A Mirandilla e Casa Pepe-Piano respectivamente. E o premio da Tapa de Ribadeo foi para La Solana.

A concelleira de Turismo, Ana Martínez, salientou que “un ano máis toca facer balance do Ribadeo de Tapeo, non sen antes agradecer a todos os establecementos a súa participación. Como en todo concurso uns levan premio e outros non, e así máis tamén é certo que o Ribadeo de Tapeo é posible pola participación de todos e cada un dos establecementos e dende logo vaia para todos eles o meu agradecemento e recoñecemento”.

Ana Martínez contou que “para despachar durante estes dez días máis de 40.000 tapas e facer de Ribadeo o centro gastronómico de toda a comarca é grazas a esa suma de todas e de todos que fan que Ribadeo de Tapeo soe con forza e que xa sexan once as edicións das que estamos a gozalo”.

A responsable de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio comentou que “todo isto fai para o xurado unha situación en ocasións complexa e eles mesmos me comentan que a decisión non é doada. Saben que hai moita xente que ten moita calidade, saben que hai que elixir entre todos a catro e que iso leva o seu tempo, as súas discusións e que hai momentos que lles costa facelo, pero tamén me din que comente da súa parte que queren felicitar a todos, que queren felicitar a labor, o esforzo dos 50 establecementos participantes e desde logo felicitalos a todos eles”.

Ana Martínez agradeceu “desde logo a este xurado a súa participación, xa que todos os anos se achega a Ribadeo para axudarnos a dirimir, a buscar a eses finalistas, a eses gañadores que ao final do Ribadeo de Tapeo pasan a formar parte dos premiados. Este xurado que está constituído por Miguel Ángel Sánchez que é un profesional da hostalaría, Nicolás Asensio que é director da Escola de Hostalaría de Foz, Maite Núñez Fernández que é pasteleira e cociñeira profesional, Ana Martínez Arruñaga que é tamén profesora da Escola de Hostalaría de Foz, e Jesús Rodríguez que tamén forma parte dos profesores de Hostalaría de Foz. A este xurado que durante a semana está seleccionando aos finalistas sumáronselle durante o día de elección dos gañadores Roberto Walter, Xefe de Cociña da Escola Superior de Hostalaría de Galicia; e Carlos Javier González, que é tamén cociñeiro profesional no Restaurante Menenzao en Sober e en Monforte”.

A concelleira de Turismo detallou que “os finalistas son once e está constituído por hotel restaurante Bouza, A Cofradía de Rinlo, A Dorada, La Mar Serena, Parador de Ribadeo, hotel AG Porcillán, Amodiño, Casa Pepe-Piano, A Mirandilla, O Alén e La Solana. Dentro destes finalistas os gañadores foron o terceiro premio para Casa Pepe- Piano coa tapa Ourizos de xuncos, o segundo premio para A Mirandilla con Bacallao 2.0, e o primeiro premio deste Ribadeo de Tapeo 2016 é para hotel AG Porcillán con Uvas e queixo saben a beizo. A Tapa de Ribadeo foi para La Solana con Rinlo, o arroz e o percebe. Parabéns para todos eles e reiterar as miñas felicitacións para todos os participantes”.

Ana Martínez lembrou que “falta por elixir o Premio do Público que será o que durante todos estes días a xente que participou degustando as tapas puido ir elixindo nas diferentes casillas que foron marcando. Ese premio que elixe o público en canto se faga o reconto e teñamos os datos se fará tamén público”.

A edil nacionalista tivo palabras de agradecemento “para todas as persoas que nesta edición se sumaron como novidade aos Cantos de Taberna facendo o deleite do público e penso que a noite do venres foi todo un éxito. Creo que se engalanou de música Ribadeo como nos vellos tempos e que moitas e moitos gozamos dun xeito excepcional e desde logo grazas a todos os que se apuntaron e a todos os que se uniron participando nos Cantos de Taberna esa noite do venres”.

Ana Martínez rematou a súa comparecencia sinalando que “tampouco quero esquecer aos praceiros e praceiras que tamén durante todo o ano aí están ofrecendo os seus mellores produtos apostando polo local, polo consumo de proximidade desde a Praza de Abastos, tamén grazas a eles por aportar o seu grao de area a este Ribadeo de Tapeo coa tapa do mercado. Tamén a todo o público que se achegou a degustar as tapas e que fan deste Ribadeo de Tapeo a importancia e para eles son estas tapas para que a xente se achegue a Ribadeo a gozar con nós desta gastronomía que nos aportan todos os establecementos, para ese público tamén hai premio e farémolo público en canto poidamos recuperar toda a información que está nas furnas dos diferentes establecementos, facer o sorteo e entregar os premios”.

Exit mobile version