Site icon Crónica3.com A Mariña

A xunta de voceiros do Concello de Burela reunirase finalmente o vindeiro luns, 30 de maio, para emitir unha declaración institucional en apoio a Alcoa

Burela, 27 de maio de 2016.- A xunta de voceiros do Concello reunirase o vindeiro luns, 30 de maio, para emitir unha declaración institucional en apoio de Alcoa.

O alcalde, Alfredo Llano, manifestou que “pretendemos facer unha declaración institucional para manifestar a nosa preocupación e a nosa solidariedade coa planta de Alcoa. Imos facelo entre os tres voceiros (PP, BNG e PSOE) para que se vexa con claridade que aquí estamos pola labor de mellorar todos aqueles aspectos que sexan importantes para a comarca e non hai outra fórmula de facer as cousas. Por iso imos sacala entre os tres para que sexa un acto que realmente nos implique a todos nesta situación”.

O rexedor explicou que “quedamos para facela ao longo da mañá do luns. Inmediatamente farémola pública e pasarémola a quen corresponda para que se nos teña en conta. Alcoa evidentemente é un tema que preocupa e preocupa a todo o mundo, por tanto queremos que se resolva da mellor maneira posible. Acordamos iso os tres voceiros e o luns poñerémonos á labor “.

Montaxe noria grandes dimensións
Estes días realízase a montaxe da noria móbil máis alta de Europa, que estará durante as festas patronais en Burela instalada na praza do Concello.

Alfredo Llano contou que “tíñamos certa preocupación por se podíamos colocar ou non a noria aquí na praza do Concello dado o seu extraordinario volume e peso porque a verdade é que pesa 150 toneladas e iso repercute, e queríamos saber se a praza tiña o soporte suficiente como para poder aguantar. Todo indica que é así e xa se está montando esta extraordinaria dotación aquí na praza do Concello máis que nada por darlle unha singularidade ás festas, por darlle un atractivo engadido”.

O rexedor pensa que “vai ser moi bonito e de feito estase montando agora mesmo, estase tratando de ensamblar todo o que hai aquí e a xente que pasa quédase mirando porque evidentemente as dimensións son voluminosas. Viñeron cinco ou seis trailers para traer o material sen ningunha pega. Consideramos que a partir do próximo mércores ou xoves xa estará en funcionamento. Agora mesmo estase instalando, xa levan algo avanzado pero isto evidentemente leva o seu tempo”.

Llano subliñou que “é un atractivo que pensamos vai ser moi bo para ver dun golpe todo o que é Burela. Desde a altura de sesenta e cinco metros que ten vai ser suficiente como para apreciar dunha ollada todo o que é o noso concello”.

Finalmente o alcalde dixo que está “todo o mundo invitado a participar e gozar das atraccións que son moitas as que este ano temos aquí nas festas de Burela”.

Pleno ordinario
No pleno ordinario celebrado onte quedou sen cubrir a praza de xuíz de paz. Terá que ser agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o encargado do seu nomeamento. Na sesión foron aprobadas as obras de mellora do parque Rosalía de Castro. O alcalde declarou que “se trata duns traballos moi necesarios para dar cabida e comodidade a todas as persoas, nen@s e adultos que a diario acoden a gozar desas instalacións”.

Exit mobile version