Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta repoboará os ríos da conca norte da provincia con troita e salmón

Lugo, xx de maio de 2016.- A Xunta de Galicia iniciou os labores anuais de recuperación de especies nos ríos da provincia afectados por agresións medioambientais. Así, ao longo desta semana o Servizo de Conservación da Natureza soltará 6.761 alevíns de troita e preto de 200 exemplares adultos nas comarcas de Quiroga e Lemos.

As soltas realízanse en tramos degradados, con escasa ou nula presencia de poboación piscícola, e polo xeral deben estar vedados ou ser aptos só para a pesca sen morte, ou mesmo de difícil acceso, para minimizar os riscos de mortaldade dos peixes destinados a repoboar os ríos.

Neste caso, sóltanse 2.946 alevíns no tramo de pesca sen morte do río Lor Baixo, en Quiroga, e 1.345 alevíns no tramo de pesca sen morte do río Lor Alto, en Folgoso do Courel. Igualmente, 1.695 alevíns están destinados para o río Soldón, en Quiroga, cuxa fauna quedou seriamente afectada por arrastres procedentes de incendios.

Na desembocadura do río Rubín no río Saa, na Pobra de Brollón, soltáronse hai uns días 775 alevíns, nunha actividade de sensibilización ambiental realizada cos alumnos e alumnas do colexio desa localidade.

As troitas adultas libéranse no río Quiroga (52 unidades, no municipio de Quiroga) e no tramo vedado de pesca situado por riba do coto do río Cabe en Monforte, neste caso 122 exemplares.

Tanto os alevíns como as troitas adultas proceden da piscifactoría que xestiona a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Goó, no Incio, onde se capturan exemplares reprodutores da conca do Sil para a repoboación dos ríos desa área.

Nas vindeiras semanas, a consellería continuará coas tarefas de recuperación de poboacións piscícolas nos ríos da zona norte, con exemplares de troita e salmón que sairán do centro ictioxénico do Veral, en Lugo. Neste caso, os exemplares estarán destinados a ríos da Mariña, ás cuncas alta e media do río Miño e a ríos salmoneiros como o Eo.

Os traballos de repoboación realízanse habitualmente na primavera e no outono, aínda que en febreiro hai tamén unha solta específica de salmón. Ao longo de todo o ano 2015 soltáronse nos ríos da provincia con este fin 83.956 exemplares de salmón, 30.501 de troita, e 160 quilos de anguías de diferentes tallas.

Exit mobile version