Site icon Crónica3.com A Mariña

ABANCA e o GALP A Mariña-Ortegal unen esforzos para impulsar o sector primario no litoral norte galego

20160519_14224819 de maio de 2016.- ABANCA e o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal veñen de asinar un novo convenio que reforza a súa colaboración e permite facilitar o acceso ao crédito aos profesionais do sector pesqueiro e beneficiarios das axudas do GALP.

O presidente do GALP A Mariña-Ortegal, José Basilio Otero Rodríguez, e o director de zona de ABANCA na Mariña, Carlos Teijeiro Pita, rubricaron este xoves un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co sector primario galego.

Este convenio pon o acento especialmente na reactivación comercial por medio do crédito, unha peza básica para acadar a posta en marcha de novos proxectos e a mellora da competitividade dos actuais. Os asociados e beneficiarios das axudas accederán a condicións melloradas na contratación de produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, anticipos, leasing mobiliario, liñas de comercio exterior, confirming, avais ou liñas de desconto.

Os asociados e beneficiarios das axudas tamén accederán á proposta personalizada do banco con sede en Galicia para o sector pesqueiro, con produtos especificamente deseñados para as súas necesidades. Do mesmo xeito, desde as oficinas de ABANCA facilitarase a información relativa ás opcións de financiamento a través de convenios oficias asinados co ICO, Igape e SGR.

Grazas a este texto, os profesionais pertencentes a esta asociación e outros beneficiarios das axudas da mesma optarán ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. A entidade tamén porá a disposición de todos os cooperativistas xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica.

O GALP A Mariña-Ortegal naceu no ano 2009 co obxectivo posto en colaborar na gobernanza da zona, participando activamente na construcción da capacidade organizativa da zona pesqueira, servindo de nucleo de converxencia e representación das persoas particulares, entidades e axentes socioeconómicos con interese no desenvolvemento integral e equilibrado da zona.

Nestes anos conseguiu este obxectivo repartindo preto de dous millóns de euros en iniciativas promovidas por emprendedores do seu territorio. Pola súa parte, ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para pemes e autónomos.

Exit mobile version