Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA denuncia que o glifosato, a piques de ser prohibido en Europa, segue a usarse masivamente en Galiza

fumigacion-estrada24 de maio de 2016.- A CE está a escasamente un mes de prohibir definitivamente o glifosato, principio activo de moitos herbicidas. Está considerado pola OMS como “probabelmente canceríxeno” e apesar disto, as adminisracións seguen a fumigar con el estradas e vilas.

A fotografía da dereita corresponde ao que está a acontecer en moitas estradas do país. Un vehículo fumigador rociando herbicidas para matar a vexetación dos noiros, desta volta na estrada Mondariz-Ponteareas, competencia da Xunta e dentro do concello de Ponteareas.

Curiosamente o concello de Ponteareas foi un dos primeiros de Galiza en declararse libre de glifosato para o mantemento de vías e estradas. Mais de pouco vale se Xunta e/ou deputación seguen a usar este veleno nas estradas da súa compertencia.

Un veleno permitido que resulta moi rendíbel
A Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), dependente da OMS (Organización Mundial da Saúde) elevou en 2015 o risco canceríxeno do glifosato á categoría “2A-Probablemente canceríxeno para humanos”.
Ao abeiro dun estudo publicado na revista The Lancet sobre 5 coñecidos herbicidas e pesticidas, o glifosato amosou “evidencia limitada” de que pode producir linfoma no-Hodgkin en seres humanos, e probas “convincentes” de que pode causar cancro en animais de laboratorio.

Porén, as presións da industria dos agroquímicos e transxénicos conseguíu que en Europa o glifosato siga estando autorizado, contra as cada vez máis fortes evidencias da súa toxicidade. Neste ano, a Comisión Eurpoea adiou xa dúas veces a decisión sobre a re-autorización do glifosato ou a súa prohibición definitiva. O uso deste perigoso composto provoca reticencias nalgúns países e se a 30 de xuño non hai unha maioría cualificada a favor de renovar a autorización, todos os países terán que prohibir o uso do glifosato.

O estado español é un dos máis firmes defensores deste veleno, malia ás evidencias da súa toxicidade e ao máis elemental Principio de Precaución. Tamén é o país da UE que máis transxénicos e eucaliptos planta, e o glifosato o principal herbicida para fumigar os cultivos modificados así como os eucaliptais de NORFOR-ENCE.

Dende ADEGA reclamamos outra volta que, os concellos, deputacións e Xunta vaian por diante da Comisión Europea e deixen de usar este perigoso herbicida. A ver se por unha vez podemos deixar de ser o vertedoiro químico de Europa.

Exit mobile version