Site icon Crónica3.com A Mariña

AGEe: “Para crear riqueza primeiro hai que relocalizar produción e empresas, e potenciar os nosos mercados”

Bruxelas, 26 de maio de 2016.- O último dos debates da sesión plenaria que tivo lugar durante este mércores e xoves no Parlamento Europeo estivo centrado nas actuais condicións do mercado único. Porén, se ca estratexia de mercado único o que se procura é crear emprego e riqueza en tódolos pobos da UE, como así foi sinalado na mañá deste xoves, “habería primeiro que actuar para reverter o impacto negativo que o mercado único tivo nos pobos que constituímos a periferia económica da Unión”, aclarou a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda Lídia Senra.

Xa que logo, dificilmente pódese dinamizar a economía de países “onde as nosas empresas son xa case inexistentes, a maioría das nosas marcas foron absorbidas e as nosas producións deslocalizadas case na súa totalidade”. “Primeiro a creación do mercado único propiciou a ocupación dos nosos mercados por parte das multinacionais, e logo a Troika impúxonos medidas de austeridade que practicamente impiden que podamos recuperarnos”, analizou.

Dende AGEe tamén cuestionamos afirmacións realizadas hoxe na Eurocámara en relación á existencia de capacidade de decisión por parte dos pobos europeos con respecto á creación e desenvolvemento do mercado único.

É imprescindíbel que antes de desenvolver unha nova estratexia para o mercado único sexan aplicadas políticas públicas que garantan “a relocalización das empresas e produción, que prioricen a presenza dos nosos produtos nos mercados locais e de proximidade”, xa que facer o contrario “é seguir empobrecendo aos pobos da periferia a Unión Europea”, alertou a eurodeputada Lídia Senra.

Exit mobile version