Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano valora positivamente o anuncio da Xunta do inicio en verán dos traballos de ampliación do Hospital da Costa

Burela, 2 de maio de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, valora positivamente o anuncio da Xunta do inicio en verán das obras de ampliación do Hospital da Costa. Os conselleiros de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e de Sanidade, Jesús Vázquez, supervisaron este luns os traballos previos á redacción do proxecto. O rexedor demanda que o centro recupere a xerencia propia e a súa autonomía.

Llano manifestou que “isto é unha boa nova, unha boa nova porque xa levábamos moito tempo agardando que se fora concretando e confirmando a tan repetida ampliación do hospital e agora parece ser que vai levar un bo empuxe e se vai concretar. O Concello de Burela está contento non soamente por este concello senón tamén pola comarca”.
O alcalde burelés subliñou que “a sanidade pública é algo que debemos promover, promocionar e potenciar. O Hospital da Costa é algo que van utilizar moitos veciños da comarca da Mariña, hai que pensar que somos uns 80.000 usuarios potenciais a diario máis os que veñen despois na época estival ou en determinadas vacacións que case chegan a duplicar esta poboación e por tanto consideramos que é vital este centro hospitalario”.

Alfredo Llano considera que “hai que ter en conta outro factor, que eu penso que tamén é determinante para que este hospital sexa considerado un hospital xeral máis que un hospital comarcal, que é pensar na cantidade de sectores que poden necesitar del como pode ser a industria que temos moi cerca ou a cantidade de actividade portuaria ou de pesca. Tamén a cantidade de tráfico que temos na N-642 cunha intensidade enorme, que xustifican claramente que o noso hospital debe estar perfectamente dotado, con servizo e con capacidade para atender a todas as persoas que o puidesen necesitar no seu momento”.

O alcalde de Burela sinalou que “nosoutros como Concello de Burela imos favorecer totalmente, como non pode ser doutra maneira, a construción desta ampliación do hospital. Imos favorecer todo aquilo que poida requerer o bo funcionamento da construción, imos mirar que isto vaia paralelo cunha ampliación de servizos, cun complemento de servizos, cunha boa atención sanitaria. É unha boa oportunidade tamén para recuperar a xerencia para A Mariña, tal e como a que tíñamos antes con autonomía sanitaria, económica e de organización. Penso que sería unha boa oportunidade agora que se vai ampliar, que o centro volva recuperar esas propiedades que nos foron arrebatadas”.
O rexedor dixo: “considero que é unha boa nova, isto é mirando por dar un bo servizo, para potenciar a sanidade pública, que é o que hai que buscar. Polo tanto imos estar á expectativa, pero penso que é unha boa nova que se pense nesta ampliación e sexa o antes posible unha cousa definitiva e xa para utilizar”.

Finalmente Llano engadiu que “evidentemente hai algo que se vai derivar de aí, que é a cantidade de traballo que se vai realizar. Vai ser molesto posiblemente en moitas ocasións, pero hai que buscar a maneira de que esa molestia sexa o menos posible e para iso si que imos poñer todo o que estea na nosa man para que sexa ben levado e que moleste o menos posible aos usuarios do Hospital da Costa”.

Exit mobile version