Site icon Crónica3.com A Mariña

ANPAS Galegas destaca o éxito do “NON” ás reválidas de sexto de Primaria

Este 11 de maio de 2016 tivemos no silencio nas aulas públicas de sexto de primaria a demostración práctica de que existe unha clara e rotunda posición cidadá contraria á LOMCE e a todo o que representa e intenta implantar.

No día no que se pretenderon poñer en marcha por primeira vez as reválidas de sexto de primaria, a resposta das familias galegas foi directa e sen fisuras: Non queremos que os nosos fillos e fillas teñan que pasar por unha proba como esta, non queremos que os etiqueten nin que os seleccionen, non queremos que ningún dos nosos nenos e nenas leven consigo máis información da que resulta da súa normalidade académica, da que pode facilitar o profesor ou profesora que os coñece e pode valoralos de acordo coa súa individualidade, porque é a única valoración que garante a atención e coidado que a nosa xuventude ten dereito a esixir.

Galiza dixo que NON ás reválidas dun xeito masivo, amplo e xeneroso, dixemos que non polos nosos fillos e fillas, pero tamén porque sabemos que detrás deles han vir outros, e que a nosa obriga é garantirlles o futuro, e para iso hai que parar esta Lei que non queremos e que nunca quixemos.

Dende a Confederación ANPAS GALEGAS, única organización das familias galegas que fixo un chamamento inequívoco á inasistencia dos nenos e nenas de sexto ás probas do día de hoxe, e tamén a única organización que desenvolveu un fondo traballo de información e acompañamento aos pais e nais do alumnado de sexto de primaria, queremos felicitar ás familias galegas, e queremos amosar o noso orgullo por pertencer a un País que soubo dicir en público outra vez que isto non é o que queremos na educación da nosa xuventude; e soubo dicilo con porcentaxes de seguimento abraiantes: unha media dun 80 % de abstención, con picos de máis do 90 % na Costa da Morte ou en Cangas, ou do 87 % en Vigo, abstención que se tería visto incrementada notablemente se non houbera en moitos casos obvios problemas de conciliación familiar. Este é un argumento que tería que facer pensar aos nosos representantes públicos, e tería que facerlles pensar que non están representando a ninguén cando tentan levar adiante políticas clasistas e diferenzadoras, excluíntes e segregadoras, como as que significa a LOMCE.

E por suposto, con absoluta claridade, nós só falamos de Ensino Público, que é o Ensino ao que todos e todas teñen acceso, e o que representa o espazo común e compartido no que desexamos que se eduquen para a vida os nosos fillos e fillas. De aí ven o éxito da convocatoria que só nós fixemos para o día once de maio , da defensa do que é de todos e que debe ser para todos, do que nos sentimos defensores e participes: o noso Ensino Público Galego.

Confederación ANPAS GALEGAS

Exit mobile version