Da exitosa organización deste evento encargouse o C.C. 7 Voltas, reunindo na liña de saída a 203 participantes. No resto de categorías os vencedores foron Diana Blanco (Barbanzabike) el Elite feminino; Alberto Manuel Túñez (Frigoríficos Bandeira) en Master-30; Miguel Ángel Arias (Corbelo) en Master-40; José Manuel Pérez (Castropol Deporte) en Master-50/60 e Teresa Barreira (Pillabikes) en Master feminino.
No percorrido de 70 kilómetros os corredores debían dar dúas voltas a un circuíto de 35 kilómetros cun desnivel positivo acumulado de 1.200 metros. O barro aumentou aínda máis a esixencia deste trazado no que despois dun primeiro treito pola ruta da auga e pasando ao carón do sendeiro que da entrada á Cova do Rei Cintolo, tiña na ascensión ao Cristo do Fiouco (753 metros) a súa principal dificultade.
“Íamos vendo que Busto nas baixadas se ía quedando e aproveitamos antes da última subida para tensar un pouco a carreira e empezar a ascender cuns metros de vantaxe”, sinalou Ovin. A estratexia do Team Bike Cabranes de descolgar ao líder Master-30 permitiulles sentenciar a carreira no longo descenso ata o barrio dos Muíños, no que se pasaba pola ponte do Pasatempo antes de alcanzar a maxestuosa praza da Catedral de Mondoñedo, onde estaba situada a meta: “Unha vez que coroamos pegaba moito aire e a partir de aí fixemos un bo traballo a relevos. Ao principio non me atopaba ben, pero acabei con boas sensacións nun circuíto duro polo barro e as pendentes”.
Dous novos líderes
A vitoria de Ovin, que xa se impuxera na primeira cita do calendario en Viveiro, permítelle aumentar a súa marxe ao fronte da clasificación xeral Elite masculina do Open de Galicia de XCM. Tamén manteñen as camisolas de líderes Javier Busto (Frigoríficos Bandeira) en Master-30, José Manuel Pérez en Master-50/60 e Teresa Barreira en Master feminino.
As novidades nos rankings da primeira edición deste certame autonómico protagonízanas Diana Blanco en Elite feminino e Miguel Ángel Arias en Master-40, que pasan a encabezar as súas categorías. A terceira proba puntuable chegará o domingo 19 de xuño coa celebración da 1ª Ruta BTT Concello de Rois do C.C. O Trisquel.