A Delegación Municipal de Cultura presenta este sábado, 7 de maio ás 17.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura este espectáculo, para nenos a partir de 3 anos, cunha entrada de 2.5 euros. O espectáculo conta co patrocinio da Concellería de Cultura da Xunta de Galicia, da Rede de Teatros e Auditorios e da AGADIC.
“Contos para un caldiño” convida ao público a escoitar e a deixarnos levar polos contos e polos obxectos visuais que se presentan, así, un chapeu que non é un chapeu, unha tesoira non é unha tesoira.
Entre todos construiremos un caldo máxico con poderes especiais para converternos en máis altos, máis rápidos, e máis fortes, se así o queremos… O espectáculo consiste en ir cociñando contos e historias para que así cheiren mellor, nos entren polo nariz e poidamos degustalas.
“Contos para un caldiño” é un espectáculo para todos os públicos, divertido e dinámico, onde todos gozamos das historias que se rescatan do ar. É un espectáculo moi participativo e ten unha duración de 50 a 60 minutos aproximadamente.
A Cía, Baobab Teatro, nace a mediados do 2010, tanto Andrea Bayer como Óscar Ferreira teñen unha amplísima experiencia no eido do teatro infantil e de adultos despois de pasar por diferentes compañías, Teatro Akatro, Pavís Pavós, Galitoon.
Andrea é coñecida no mundo teatral por ter dirixido e escrito diferentes espectáculos como “Golulá” (Premio ao mellor espectáculo Infantil na X Feira de Ciudad Rodrigo, Premio ao espectáculo máis innovador na XXIV Mostra de Teatro de Ribadavia, Espectáculo mellor valorado polo público infantil na IX edición da Programación de Domingos do Principal 2008), Babiliglub ( Fetén 2008), Rosalía, a pulga que escribía…
No 2013 o seu espectáculo “Fíos” estivo nomeado aos Premios MAX .
Oscar Ferreira conta cunha amplísima experiencia como titiriteiro, construtor de monicreques, escenografías e ten participado en diferentes espectáculos teatrais (“Que medo, que medo”, “Golulá”, “Babiliglub”…) así como programas de T.V. (Luar,Nika, Cousiñas…).