Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela recibirá este xoves aos 1.600 participantes do Correlingua da Mariña 2016

Burela, 3 de maio de 2016.- Este xoves, día 5 de maio, Burela acollerá o Correlingua da Mariña 2016 no que participarán arredor de 1.600 persoas. O Concello aproveitará a cita para dar a coñecer os atractivos turísticos da localidade entre os asistentes.

O alcalde, Alfredo Llano, subliñou que “este xoves imos ter aquí a 1.600 estudantes da nosa comarca. Para nosoutros é unha honra contar con tanto alumnado e tamén co profesorado e coa xente da organización que os acompaña”.

Alfredo Llano indicou que “imos facer unhas actividades pola mañá, varias van ser deportivas, van facer unhas carreiras desde A Marosa ata a praza da Mariña en diferentes categorías. Despois tamén vai haber unha serie de actividades na praza da Mariña como son actuacións musicais e recital de poesía”.

O rexedor burelés salientou que “o que fai o Concello de Burela é participar e cooperar con esta organización do Correlingua 2016. Imos estar aí para todo aquilo que se nos precise”.

Llano anunciou que “fixemos mil dípticos para repartir entre a xente que vai vir para que poidan visitar máis adiante Burela. Neses dípticos van expostos reclamos turísticos como a igrexa da Vila do Medio, as nosas praias, o barco museo Reina del Carmen ou o Monte Castelo. Facemos certa propaganda do noso concello a través do Correlingua”.

O alcalde de Burela rematou dicindo que “esperamos que sexa un éxito, ese día vai haber moita xente pola mañá en Burela e imos procurar atendelos ben, como se merecen tanto aos colexios, como aos alumnos e aos profesores que ese día nos van acompañar”.

Exit mobile version