Site icon Crónica3.com A Mariña

Chicago 2016, próximo reto para o corredor afeccionado Simón González

simongonzalez-xornadas16Burela, 27 de maio de 2016.- O burelao Simón González compartiu este xoves, na segunda cita das Xornadas do Deporte Academia Imdecum, moitos dos pormenores da súa gran paixón, o ‘running’. Baixo o título ‘Preparación dun corredor afeccionado’, Simón marca coma o seu próximo reto o maratón Chicago 2016, despois de quedar na posición 51ª o ano pasado en New York, na 3ª entre os participantes españois.

“A diversión non está rifada coa planificación” e “O esforzo non é o mesmo que o sufrimento” son as dúas máximas de Simón no deporte, unha afección que compatibiliza co seu traballo nunha librería, de onde tamén se nutre de infinidade de manuais sobre deporte e preparación. Seguidor das teorías de Jack Daniels para o seu adestramento, o mariñán, que se estreou nestas lides en 2012 coa Milla de Barcelona, destacou a súa rápida evolución nesta afección e os seus beneficios para a saúde: “Non tiven lesións e puiden competir no primeiro maratón xa en 2013, na Coruña. Dende que comecei a facer deporte notei unha notable melloría na miña alerxia aos ácaros; os síntomas case me desapareceron por completo”.

O burelao tamén falou da súa rutina na preparación. Actualmente realiza entre 120 e 140 km á semana, adoita correr a primeira hora da mañá para sentirse despexado o resto do día e ten o paseo marítimo de Burela como percorrido predilecto “pola zona de herba porque evito o asfalto”. Ademais incidiu na importancia de seguir o deporte para aprender, tanto dos erros dos demais coma dos mellores xestos.

Última cita no IES Monte Castelo coas Xornadas Formativas:

Xoves 2 de xuño

“A Pesca como Deporte de Elite”

IES Monte Castelo (Aula de Usos Múltiples), ás 17:00 h.

D. David Arcay Fernández (Bicampión do mundo de pesca a mosca)

Exit mobile version