“Querer gañar non che fai gañar, o que che fai gañar é traballar ben” reflexionaba así Cristóbal Rodríguez sobre a constancia, disciplina e sacrificio que implica o deporte. Con 7 horas diarias de adestramento, o mariñán pasa a semana entre Pontevedra, A Coruña e Vigo para traballar as cinco probas do pentatlón moderno, un deporte no que destacan Rusia, Hungría e a República Checa. “Creo que o que mellor se me dá son a natación e a esgrima; no que menos puntos consigo é na carreira. O meu punto forte na esgrima é a paciencia, na natación a resistencia nos últimos metros, onde a maioría acostuma a baixar o nivel; na hípica teño facilidade para adaptarme ao cabalo e no combinado –carreira e tiro deportivo- creo que tiro ben” falaba así das súas calidades o pentatleta.
Incidindo na importancia de formarse academicamente e nas facilidades que hoxe en día ofrecen as universidades aos deportistas para poder compatibilizalo cos seus compromisos competitivos, Cristóbal Rodríguez tamén falou do grande esforzo económico que supón dedicarse ao deporte: “Case ningún deporte está ben remunerado, excepto o fútbol. As axudas en pentatlón moderno céntranse nas institucións públicas, principalmente na Xunta de Galicia, Deputación e na Federación, destinadas a cubrir gastos de competición e desprazamentos. Tamén hai patrocinios privados con material deportivo, como no meu caso coa marca Arena”, explicaba así o mariñán as dificultades de vida para un deportista profesional, que se xogará a súa presenxa en Rio o 26 de maio no mundial de Rusia.
Palmarés de luxo
Aos seus 25 anos, Cristóbal, que comezou a practicar deporte por consello médico, tras serlle diagnosticada asma bronquial, posúe un impoñente palmarés: campión de Europa de Biatlón, Equipos Nacionais 2006; Bronce Relevo Mixto Campionato de Europa 2009; tres veces campión de España Absoluto; 13 medallas en Campionato de España; 7 anos consecutivos alcanzado el podium no Campionato de España Absoluto; récord Nacional Absoluto; récord Nacional en Relevo Mixto; e récord Galego Cadete, Xuvenil, Junior e Absoluto.
Próximos citas no IES Monte Castelo coas Xornadas Formativas:
Xoves 26 de maio
“Preparación dun corredor afeccionado”
IES Monte Castelo (Aula de Usos Múltiples), ás 17:00 h.
D. Simón González Río (Atleta corredor de maratóns)
Xoves 2 de xuño
“A Pesca como Deporte de Elite”
IES Monte Castelo (Aula de Usos Múltiples), ás 17:00 h.
D. David Arcay Fernández (Bicampión do mundo de pesca a mosca)